Pardiñas, un festival senlleiro, internacional e familiar

Este ano chega á súa XLIV edición e celebrarase do 4 ao 6 de agosto en Guitiriz. Ademais de propostas do estado contará con outras europeos e algunhas de América do sur. A tradicional Mostra de Instrumentos de Música Tradicional chegará ao seu 30 aniversario.

Por X.M. Fernández | Guitiriz | 03/08/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O programa do Festival de Pardiñas, que promove dende hai 44 anos a Asociación Cultural Xermolos, comeza o venres 4 de agosto co certame de Cantos de Taberna polos bares e rúas de Guitiriz e continuará a fin de semana no recinto festeiro cunha vintena de concertos, obradoiros e espectáculos musicais. As diferentes propostas chegan este ano de Galiza, Euskadi, Asturies, Catalunya, País Valenciá, Escocia, Francia, Bretaña, Chile e Colombia.

Obradoiro de Txalaparta. Facebook AC Xermolos.
Obradoiro de Txalaparta. Facebook AC Xermolos.

No acto de presentación, celebrado o pasado luns no Balneario de Guitiriz, a deputada de Cultura Iria Castro parabenizou á Asociación Xermolos pola organización dun festival que é parte das “vivencias da veciñanza de Guitiriz e de moitas persoas de toda Galiza que ao longo dos anos disfrutamos aquí da música, do baile e do bo ambiente”.  “Que todos e todas poidamos desfrutar de Pardiñas non é froito da casualidade, é froito do traballo incansable de Xermolos, un exemplo da boa saúde da que goza o asociacionismo galego”, apuntou.

Nesa liña, o presidente da Asociación Xermolos Alfonso Blanco reivindicou o Festival de Pardiñas como “unha festa de familia que implica na organización a toda a veciñanza” e lembrou a contribución de Pardiñas ao fomento da creación artística con iniciativas como Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil.

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 20.000 euros para a organización do Festival de Pardiñas.

PROGRAMACIÓN

O día 4 de agosto, véspera da finde grande, terá lugar o IX Certame de Cantos de Taberna polos bares e rúas de Guitiriz.

Presentación Festival de Pardiñas. Foto: Prensa Deputación de Lugo.
Presentación Festival de Pardiñas. Foto: Prensa Deputación de Lugo.

Para o sábado 5 a axenda é ben completa tendo que salientar pola mañá a apertura da 30ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e unha sesión vermú do grupo de Euskadi, Xirolarrua. Xa pola tarde, ás 16:00 h. hai un 'Aberto de Billarda' e ás 17:00 h. o pregón que correrá a cargo de Xaneco Tubío. No que respecta aos obradoiros destacan: un de Txalaparta a cargo de Juan María Beltrán o mesmo sábado ás 18:00 h.; e dous programados para o domingo, un de Xogos Bailados con Luis Prego ás 12:00 h.; e outro de baile tradicional galego a cargo de Montse Rivera ás 17:00 h.

O sábado tamén terá lugar a XLIV Carreira Popular e xa a partires das 19:30 h. sucederanse as actuacións musicais. Dende as 19:30 h. actuarán: Pandereteiras Brincadeira (Galicia), Bloquinho de Xermolos (Galicia), Boroa (Galicia), The Poozies (Escocia), Guilhem Desk (Francia), La Tarrancha (Asturies) e Rebeliom do Inframundo (Galicia).

O domingo 6 será tamén un día cargado de propostas musicais. En horario de sesión vermú estará o grupo catalán Cançons de Festa Major ás 13:00 h. e La Trocamba Matanusca (País Valenciá) ás 14:00 h.

A partir das 18:00 h. concertos dos grupos galegos: Os Carunchos, Caamaño & Ameixeiras + Caldo, Xisco Feijoó; e outros chegados de fóra: Calle Mambo (Chile), La Trocamba Matanusca (País Valenciá).

O pregón correrá a cargo de Sabela Núñez Singala e será ás 19:00 h. A continuación entregaranse os premios do ‘Certame Terra Chá’ de creación literaria infantil e xuvenil.

Como novidade, lembrar que ás 16:30 terá lugar a primeira ‘Regueifa na Chá’, iniciativa que poñerá en valor a creación e a improvisación oral. Durante a fin de semana haberá Feira de Artesanía e para os máis pequenos o domingo ás 17:15 actuará Cirquack, proposta que chega desde Colombia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta