O Concello de Foz recomenda non beber nin cociñar coa auga da traída pola presenza de sustancias nocivas

A auga é apta para o resto de usos, incluído o baño e a limpeza en xeral.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 03/08/2023 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O Concello de Foz lanzou un comunicado no que pide á poboación que non utilice a auga da traída pública para a inxesta e preparación de alimentos ao presentar unha cantidade máis elevada da recomendada de sustancias nocivas. No comunicado difundido en redes sociais, o Goberno local detalla que o control de mostras indica que os valores de trihalometanos (THM) están por encima dos límites permitidos de 100 g/L.

"Aínda que o risco sanitario está asociado a un consumo continuado de auga durante anos con niveis de THM elevados", apuntan, recomendan como "medida preventiva" non inxerir a auga nin utilizala para cociñar "ata que diminúan os niveis, tal e como suxire a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia". Desta recomendación queda excluída a parroquia de Cordido, que recibe a subministración dunha rede independente.

Informan ademais de que xa se aplican as medidas de corrección necesarias no proceso de potabilización, para o que a concesionaria Gestagua substituíu o reactivo hipoclorito de sodio por peróxido de hidróxeno, "polo que se espera que os valores volvan aos límites permitidos nun curto período de tempo".

Con todo, o alcalde comunicou que a auga é apta para o resto de usos, incluído o baño e a limpeza en xeral. "A nosa principal preocupación é que non se produza ningún tipo de risco para a saúde por mínimo que este sexa. Pedimos desculpas polas incomodidades que isto vaia a producir", lamentou.

Porto de Foz
Porto de Foz | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta