O goberno de Santiago reactiva a reforma da Praza de Abastos, cun orzamento de licitación de 518.000 euros

As obras contan cun prazo de execución de 130 días hábiles desde a firma do contrato e serán compatibles coa actividade do mercado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2023 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O goberno local de Santiago deu luz verde ao comezo da contratación das obras de reforma da Praza de Abastos, que contan cun orzamento de licitación de 518.000 euros. Diso informou a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), nunha rolda de prensa na que remarcou que estas obras son "moi necesarias" e eran "moi solicitadas desde hai tempo". Entre outras cuestións, actuarase sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredoiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central.

Sanmartín indicou na súa comparecencia que contan cun prazo da execución de 130 días hábiles desde a firma do contrato e que se realizarán de forma compatible coa actividade da praza. O Mercado de Abastos localízase nun inmoble de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado (a través da Dirección Xeral de Arquitectura) a Tragsa, e que se executaron en 2014. Desde que finalizaron estas obras, o edificio arrastra unha serie de deficiencias recollidas nun informe que, ademais de analizar as causas que as provocan, determina o protocolo a seguir para corrixilas.

O goberno local salientou que todas a actuación recollidas no informe, acordadas coas persoas que traballan na praza e coa xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo "a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible".

COMPLEXO DEPORTIVO DE SANTA ISABEL

A xunta de goberno tamén acordou nesta sesión aprobar o expediente de contratación dos servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cun orzamento base de licitación de 353.131,99 euros e abrir o procedemento de adxudicación. Este contrato está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como polo Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos.

Esta obra únese á do pavillón de Vite, cuxa actuación "comezará en xaneiro de 2024", sinalou a rexedora, quen destacou a importancia de ambos os proxectos, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros.

Mercado de Abastos
Mercado de Abastos | Fonte: ALBERTO BANDÍN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta