Morre o director dun grupo surafricano que participaba nas XXXVIII Xornadas de Folclore de Ourense

Por E.P. | OURENSE | 08/08/2023 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O director do grupo Amezabra de Sudáfrica, George Ofilant, morreu esta pasada noite no seu aloxamento no Centro Residencial Docente de Ourense tras participar na cerimonia inaugural das XXXVIII Xornadas de Folclore, que se celebran do 7 ao 17 de agosto.

A través dun comunicado, a Deputación de Ourense e o seu presidente, Luís Menor, expresan o seu pesar polo falecemento deste home de 53 anos debido a causas naturais. Menor traslada as súas condolencias á familia de George Ofilant, así como aos compoñentes do grupo surafricano, e pon a disposición todos os medios da Deputación para colaborar na repatriación do corpo, unha tarefa que se está realizando en coordinación coa Embaixada de Sudáfrica en Madrid.

Así, o grupo folclórico Amezabra suspende a actuación que tiña prevista para este martes no concello de Bande, mentres que os demais grupos --procedentes de Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína-- continuarán co programa como homenaxe a Ofilant. Ademais, tanto en Bande como na Rúa --onde tamén se celebran estas xornadas este martes-- gardarase un minuto de silencio en memoria do director.

Unha das formacións das XXXVII Xornadas de Folclore
Unha das formacións das XXXVII Xornadas de Folclore | Fonte: Deputación de Ourense

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE OFRECE COLABORACIÓN Á FAMILIA

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, trasladouse este martes ata o Centro Residencial Docente, na Universidade Laboral da cidade, para dar o pésame e ofrecer a súa colaboración ao irmán do director do grupo folclórico surafricano. Menor acudiu a última hora da mañá a mostrarlle ao seu irmán as súas condolencias e porse a disposición da familia para colaborar na repatriación dos restos mortais, tal e como informan fontes da institución provincial.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, trasladaba tamén este martes o seu pesar á familia por esta "moi tráxica noticia" e recalcaba que o goberno provincial está ao "servizo da familia e dos grupos" para darlles "todo o soporte legal" para os trámites que sexa preciso facer para repatriar o corpo. Fernández recalcaba que as xornadas de folclore "seguirán con normalidade", a excepción do grupo surafricano, que non realizará o pase que tiña previsto este martes en Bande. "Lamentamos profundamente o sucedido e damos o noso apoio incondicional á familia", conclúe o vicepresidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta