Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 17:13
A Xunta mantén aberto ata o próximo 18 de agosto o prazo para que as entidades e federacións de ámbito social soliciten acollerse ás axudas que destina a Consellería de Política Social e Mocidade con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades para a realización de programas de interese xeral con fins de carácter social.
Esta convocatoria conta cun orzamento inicial de 18,5 millóns de euros, aos que se engadirán outros 9,5 procedentes da repartición entre Comunidades Autónomas acordado no último Consello Territorial de Servizos Sociais.
Os requisitos para optar a estes fondos están publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 18 de xullo. O Goberno galego financiará a través desta liña de axudas iniciativas que as entidades desenvolvan ao longo do próximo ano en campos relacionados coa inclusión social, coa familia, a infancia e a dinamización demográfica; coa promoción da autonomía persoal e o apoio a persoas maiores e con discapacidade e coa mocidade e o voluntariado.
Tamén se sufragarán gastos de investimentos referidos as obras de mellora e adecuación de centros e unidades de atención de titularidade social. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. As solicitudes teñen que presentarse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.