Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/08/2023 | Actualizada ás 15:11
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, avanzou este xoves que a planta de transferencia de Sogama na Lama estará operativa nas próximas semanas. Durante a visita realizada ás obras desta instalación xunto ao alcalde da localidade, David Carrera, o responsable da empresa pública lembrou que esta instalación, na que se investiron máis de 1,8 millóns de euros, substituirá á microplanta que operaba ata agora no municipio e poderá dar servizo a oito municipios, que aglutinan unha poboación de máis de 23.000 habitantes.
Esta planta, con capacidade para máis de 8.765 toneladas anuais, estará preparada para transvasar as tres fraccións de residuos municipais que se atopan baixo a competencia de Sogama. Isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), bolsa negra (resto), bolsa marrón (materia orgánica -FORSU- recollida de forma diferenciada a través do colector marrón, que se atopa en proceso de implantaicón nos municipios galegos).
A nave na que levará a cabo a transferencia dos residuos dispón dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de colectores (con capacidade para dúas unidades), "posibilitando que se independice en certa medida o funcionamento da instalación do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos por cuestións como as condicións de tráfico, posibles avarías, indisposición dos condutores, etc.".
Tamén está dotada cun aparcadoiro de colectores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, e unha depuradora de augas residuais. Así mesmo, se autoabastecerá enerxéticamente con paneis solares, "fomentando o uso das enerxías renovables para facer fronte ao cambio climático".
A da Lama será unha das 17 instalacións que conformarán a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica. Así, unha vez concluídas as obras, os municipios galegos adheridos a Sogama terán acceso a unha rede composta por catro infraestruturas para o tratamento de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, das que seis serán de nova construción e sete serán remodeladas. Esta rede contou cun investimento de 40 millóns de euros, dos que 30 millóns proceden dos fondos Feder da Unión Europea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.