A ILP para protexer a pesca e o marisqueo inicia o seu camiño ao ser admitida a trámite

Pide que se recoñezan de interese xeral as actividades pesqueiras e marisqueiras de Galicia e que na ordenación do espazo marítimo sexan prioritarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2023 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Iniciativa Lexislativa Popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras comezou o seu camiño tras ser informada favorablemente polos servizos xurídicos do Parlamento de Galicia e ser admitida a trámite.

Así o fixeron público este venres membros da comisión promotora, que destacaron o "amplo respaldo" e a súa "pluralidade", xa que está formada por unhas 25 persoas entre as que se atopan representantes de confrarías e bateeiros da ría de Arousa, a Federación Galega de Confrarías, a Federación Provincial da Coruña e as plataformas das rías de Vigo, Pontevedra, Muros-Noia e Arousa, xunto co Colectivo Ecoloxista do Salnés.

A ILP propón introducir no título primeiro da vixente lei de pesca dous novos artigos que "recoñecen de interese xeral as actividades pesqueiras e marisqueiras de Galicia e declaran que na ordenación do espazo marítimo serán prioritarias e garantiranse estas actividades fronte a outras que puidesen resultar incompatibles ou ocupar o espazo que na actualidade ocupan estas actividades".

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e representante da comisión promotora, Xaquín Rubido, sinalou que a relevancia desta iniciativa "vai ser grande", xa que entende que é "un tema transversal a toda a sociedade". "Este sector é o que garante a este país a súa supervivencia e soberanía alimentaria. Iso hai que impulsalo e hai que darlle cobertura legal", manifestou Rubido nunha rolda de prensa este venres.

ACTIVIDADES "INCOMPATIBLES"

A preguntas dos medios sobre que actividades poden resultar incompatibles ou ocupar o espazo que na actualidade ocupan as actividades pesqueiras e marisqueiras, Rubido afirmou que se trata de "todas aquelas que compiten polo espazo marítimo", aínda que recoñeceu que "as que están máis de actualidade" son as relacionadas co sector eólico.

Neste sentido, quixo lembrar que no Plan de Ordenación do Espazo Marítimo "non se tiveron en consideración os caladoiros de pesca galegos, que teñen un amplo percorrido histórico". Así mesmo, especificou que esta iniciativa tamén fai referencia a aquelas actividades que "son incompatibles por contaminar as augas das que vive a actividade pesqueira e marisqueira".

"NON TODO VALE"

"Defendemos que non todo vale, que hai que ter unha ordenación do espazo", argumentou Rubido. Nesta liña, expuxo que se necesita de auga doce, máis aínda "nun contexto climático no que a auga doce vai ser un luxo". Por iso, censurou que "as empresas transnacionais que se queren situar en Galicia unha das cousas que máis demandan é a auga". "Altri é unha gran consumidora de auga, a mina de Touro tamén é unha gran consumidora de auga", especificou.

Así, defendeu que Galicia debe decidir "que modelo de país" quere, porque "non vale todo". Deste xeito, outro dos obxectivos é promover este debate "no conxunto da sociedade". "Este debate non se pode excluír da cidadanía. Cremos que isto pode ser algo que tranquilamente podamos dialogar e contrapor nosas diferentes opinións, e temos que tentar pornos de acordo en que modelo de país queremos. Non se pode ter de todo", resolveu.

Comisión promotora da ILP para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras
Comisión promotora da ILP para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras | Fonte: PDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta