Vítimas dunha obsesión III: a maldición do boleto gañador continúa, cun candidato final ao premio xa falecido

"Meu pai xogaba sempre cos mesmos números, vinculados ao seu nacemento. A súa vida foi de loita. Comezou a traballar moi xoven, coma case todos os da súa época. Faleceu de maneira repentina, o que sempre é máis difícil de superar. Non sabería dicir se sospeitou nalgún momento que puidese ser o gañador. Morreu pouco tempo despois de que o tema se fixese público. Pasaron sete anos ata que a Policía se pon en contacto con nós e iso foi un 'shock'. A xuíza informounos de que podiamos reclamar o premio. Se meu pai chegase a cobrar os cartos, querería disfrutalos cos seus. A min os cartos non me quitan o sono. Se puidera volver falar con el diríalle só que lle botamos moito de menos". Palabras da súa filla.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 21/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Xa que estou aquí vou contar a miña historia. Nacín cunha enfermidade de corazón. Con nove anos puxéronme marcapasos. Ao despertar da operación meu pai díxome que era un rapaz con sorte. Ao final resultou ser verdade. Hai que ter moita, moitísima sorte para acertar os seis números dunha Primitiva. Eu tiña os meus números favoritos e xogueinos. O luns 2 de xullo, aproveitando que ía ao Mercado de San Agustín, acerqueime á administración de lotarías que hai na entrada para comprobar varios boletos. O home que me atendeu díxome que o primeiro estaba premiado cun euro e pico, o segundo non tiña premio e do terceiro non dixo nada, o cal extrañoume. Funme dalí coa estrana sensación de que me ocultaba algo".

Administración de Lotarías
Administración de Lotarías | Fonte: LOTARÍAS E APOSTAS DO ESTADO

"Un día pasado o tempo atopeime cun amigo que me falou da nova do boleto perdido. Nese intre supen que era meu. Aquela noite non peguei ollo. E tampouco a seguinte, nin a outra. Un dos efectos secundarios do insomnio é que a realidade comeza a parecerse moito a un soño. No meu aparecían os meus seus números constantemente, pola  rúa, na casa, en todas partes, ata na roupa ou ao abrir un libro nunha páxina ao chou. Seguía sin poder durmir".

"Unha noite fun a urxencias e a doutora recetoume ansiolíticos, pero insistiu en que pola miña saúde me esquecera do boleto e do premio. Díxenlle que o intentaría, pero mentín. Ao día seguinte presentei unha denuncia contra Lotarías do Estado. Despois da longa espera, a Policía chamoume para tomarme declaración. Esa noite acosteime convencido de que ía durmir ben, pero nada máis cerrar os ollos comecei a dar voltas á declaración: soara convincente ou arrogante? Olvidárase algún dato importante? Dende entón esos pensamentos atorméntanme cada noite. O que adoito facer é vestirme e saír a camiñar para que o nordés despexe a desorde da miña cabeza. Cando me canso séntome nun banco a agardar a que amaneza. Ás veces quédome profundamente durmido".

"Un paro cardiaco levoume ao outro lado un día de marzo de 2019. Non vou dicir que o estrés e a impotencia de non poder demostrar que o boleto era meu tivesen a culpa, pois como xa dixen nacín co corazón roto, pero oxalá tivese adicado os meus últimos anos a outra cousa: a vivir, por exemplo". Este é o duro testimonio de Juan, un dos relatos máis creíbles para a Policía de todos os demandantes que se presentaron como propietarios do billete premiado na Coruña aló polo ano 2012 con máis de 4,7 millóns de euros, e así de duro, con toda a crudeza, o conta HBO no documental 'Se busca millonario'.

XIRO DOS ACONTECEMENTOS: O ACERTANTE SELLARA VARIOS BOLETOS, NON UN

Boleto de Bonoloto
Boleto de Bonoloto | Fonte: Loterias.es

Sen embargo, finalmente, os axentes descartárono como dono do boleto, pois Juan dicía que fixera unha aposta de forma manual cando en verdade o boleto premiado era unha aposta que fora feita de forma automática. Con todo, o seu relato tiña tal consistencia que a Policía seguía dándolle voltas. Moitos datos coincidían. A nova do seu falecemento foi un duro golpe e cotexando posteriormente as grabacións das súas declaracións houbo un feito importante que se pasara por algo: el dicía que non sellaba só un boleto, senón varios. A liña de investigación deu un xiro e foi por aí: cara as persoas que sellaran varios boletos, non só un.

"Cando pedimos un rexistro á Sociedade de Lotarías comprobamos que se trataba de boletos sellados no Carrefour e comprobados en San Agustín", afirma o policía xefe do caso, Germán Lago, que engade que "a probabilidade de que sexa unha persoa diferente é prácticamente imposible, entón unha das discrepancias iniciais foi que cando o loteiro dixo que só se atopou cun billete no mostrador cando estaba no na administración, non se correspondía, pois ademais un dos catro comprobados segundo as investigación pagárao". Entón había un primeiro boleto que pagou e outros tres, pero a versión do loteiro dicía que só se trataba de un. Engano? Delito? 

A Policía, chegados a este punto, duda tanto do loteiro como do delegado provincial de Lotarías na Coruña, ambos irmáns, os irmáns Reija. "Pasamos a outra fase e informamos ao xulgado de que os presuntos autores dese delito podían ser dous: o loteiro de San Agustín e o delegado provincial de Lotarías na Coruña", afirma Germán Lago, que, con todo, concede que "non eran os únicos sospeitosos". Era un premio moi xugoso, e os cartos corrompen.

OS IRMÁNS REIJA CONTRADINSE NO XUÍZO E A XUÍZA DECLÁRAOS INVESTIGADOS

O xefe da Policía Nacional na Coruña, Germán Lago, concede que "unha investigación policial deste tipo é como adentrarse nun labirinto: un pode pasar moito tempo dando xiros a dereita e esquerda ata que un día e cun simple detalle móstraseche o camiño adecuado para atopar a saída". Foron moitos anos de loita, de buscar ata debaixo das pedras, en condicións adversas e sen apenas probas para, ao final, chegar a unha conclusión clara. "Estamos seguros de que hai unha única persoa que pode ser o gañador do premio", asevera Germán a HBO. Quen? Descubrímolo a continuación.

"Eu repartiría o premio coa familia"; "compraría unha casa grande con piscina e tería moitos animais"; "mercaría un piso con vistas ao mar"; "unha casa cerca da praia e unhas vacacións, un ano sabático quizáis  para viaxar e coñecer mundo"; "xa vería se un reloxo de ouro ou de pulsera ou un coche deportivo"... Estas eran algunhas das pretensións dos demandantes do premio en caso de que algún deles fose, finalmente, o afortunado. Pero, para iso, é importante coñecer como avanza o caso pola vía xudicial.

Sete anos despois do sorteo do boleto o loteiro de San Agustín e o delegado de Lotarías na Coruña declaran nos xulgados da cidade. O caso entra na vía penal. E no momento en que Manuel Reija declara ante a xuíza, incurre en algunhas contradiccións con respecto á declaración que dera en sede policial: primeiro dixo que se atopara cun boleto perdido e no xulgado xa dixo que foran catro; na policía insisteu en que estaba só no despacho e as máquinas amosan que iso non é certo, pois fixo apostas segundos despois de comprobar o boleto gañador... Segundo os sellados e comprobacións que se lle solicitaron á administración, Manuel non estivera nunca só no lugar, pois estivéranse sellando e comprobando boletos máis ou menos a unha media de catro segundos por cada un. 

Pola súa banda, Miguel Reija, como delegado de Lotarías, preguntado pola xuíza sobre por que non fixo máis por dar coa persoa propietaria do boleto, asegurou que esa non era a súa labor, afirmando que dera aviso aos seus superiores en Madrid e que aí acababa a súa responsabilidade. Pechouse en banda a falar máis, convencido de que con el non ía o tema. Pero parece ser que coa xuíza si, así que tras declaracións tan frouxas, ambos irmáns foron declarados como investigados por un delito de apropiación indebida, xunto a outros catro directivos de lotarías. De feito, a xuíza sospeita que poderían ter feito unha trama entre eles para quedarse con todos os cartos: 4,7 millóns, nada menos.

SORPRESA: HAI UN PATRÓN DE XOGO QUE SE REPITE EN VARIOS LUGARES

Coas cousas neste punto, Germán Lago recoñece que a xuíza ponse en contacto novamente coa Policía Nacional e pídelles que, xa orientada a investigación sobre o posible delito e os posibles autores do mesmo, continúen investigando para tentar averiguar quen é finalmente o propietario do boleto. Xa había máis datos para dar con el: non era un só o boleto comprado en Carrefour e comprobado en San Agustín, senón catro, deles dous foran sellados de forma automática e outros dous de forma manual. Se os automáticos os fai a máquina e os manuais a persoa, "hai un patrón de xogo", afirma o policía, que explica que "parece haber unha persoa que se sabe uns números que sempre aposta en manual acompañado doutros dous sellados automáticos". 

Volta a poñerse en contacto con Lotarías do Estado para pedir os rexistros todos sobre patróns de xogo semellantes. Facilitáronlles un total de 812 rexistros, que unha vez analizados arroxan un dato revelador: ese patrón de xogo non só se sellou na cidade da Coruña, senón tamén en Caldas de Reis, Palma de Mallorca, Torremolinos e Fuerteventura. Tocaba preguntar aos reclamantes do premio se estiveran nestes catro lugares algunha vez nas súas vidas, algo que sirveu para descartar a moitos, á maioría. Outros xa foran descartados con anterioridade por métodos como o posicionamento móbil: as antenas de telefonía revelaban que as persoas demandantes non estiveran no lugar e momento indicado.

Ao final quedaban tres candidatos aspirantes ao premio, é dicir, a ser o dono do boleto premiado con 4,7 millóns de euros. Aí comezou outra liña de investigación: comprobar a ubicación desas persoas nos sitios que descubriran. Como? A xente pode mentir, pero as tarxetas de crédito, por exemplo, non. "Cando imos por aí pagamos con tarxeta nun restaurante, nun hotel... Todos esos movementos ubícannos en determinados lugares. Pero claro, que non haxa tales movementos tampouco quere dicir que as persoas non estivesen alí, sobre todo ao ser maiores, pois as persoas maiores son máis amigas dos cartos en metálico, así que tampouco era unha proba concluínte", afirma Lago.

Outro paso máis: preguntar ás autoridades locais das poboacións implicadas no asunto se esas persoas estiveran implicadas nalgún delito na zona, se se lles identificara nalgún control preventivo ou de tráfico, se tiveran algunha multa... En definitiva, se tiñan algún rexistro de que esas persoas estiveran alí. Pero nada, non houbo conclusións. Surxe entón outra idea: comprobar viaxes, pois unha forma común de desprazarse é o avión. Pedíronse datos a Iberia, Ryanair e Aena, novamente sen resultados interesantes.

Así as cousas, había 333 reclamantes, tres finalistas e ningún gañador, pois non se conseguía ubicar a ningunha desas tres persoas nos lugares adecuados. Só quedaba unha posibilidade, como conta o xefe da Policía Nacional da Coruña no documental: e se a persoa propietaria verdadeira nin sequera sabía que era o propietario e non chegara a reclamalo? Non podía descartarse. Así que, onde máis preguntar? Coméndose moito a cabeza, a policía relacionou os lugares onde se seguira o patrón de xogo con turismo vacacional, pero tamén con turismo para xente maior que se vai de vacacións co Imserso. Había que pedir as listas de viaxes a ver se algun ancián coincidía nos catro lugares partindo da Coruña. "O primeiro nome que coincide nos catro lugares nos días en que se sellou o patrón de xogo era unha muller, había que localizala e preguntarlle", recorda Germán Lago.

O FINAL: UN GAÑADOR FALECIDO QUE NIN SEQUERA CHEGOU A RECLAMAR O PREMIO

"Era unha persoa maior, e houbo un choque emocional. Pensaría: por que quere a Policía falar comigo?", conta Lago, que asegura que se lle preguntou por todos os datos que se sabían ata o de aquela, e ela pouco a pouco foinos corroborando todos. Finalmente, a policía dille que tras case tres anos de investigación, están seguros de que ela pode ser a propietaria dun boleto premiado. "Queda toda sorprendida, pois non sigue as noticias e non sabía nada", asegura Lago. Pero o verdadeiro problema foi outro: ela non xogaba á lotaría! Como era posible entón? Porque o seu marido si, e tivo viaxado con ela a eses lugares. Con todo, ela non sabía que xogara, pois na súa casa non se falaba deses temas, pois o marido coqueteaba co xogo e eso xeneráralle moitos problemas.

"Tiña un patrón de xogo: lía libros de probabilidades, estadística, matemáticas aplicables ao xogo... E lograra un patrón moi traballado", afirma Alberto Maía, o xornalista de 'La Voz' que deu a coñecer o caso. "Despois de tantos anos de investigación, estamos prácticamente seguros de que o propietario do boleto é esta persoa, porque é a única na que coinciden todos os datos, noutros demandantes coincide algún, ou quizáis moitos, pero non todos", afirma con seguridade Germán Lago. Entón, cal é o problema? Asunto resulto non?

Pois non. "Este caso parece que ten unha maldición enriba", laméntase Lago. O ancián falecera no 2014. Non había maneira de darlle o premio, aínda que si á súa familia. Con voz en off e en primeira persoa, unha das fillas do agraciado relata como se enterou e a súa historia con este caso, de maneira moi emotiva para pechar unha serie, 'Se busca millonario', que non hai quen quite das máis vistas de HBO ao longo deste verán.

"Meu pai xogaba sempre cos mesmos números, vinculados ao seu nacemento. A súa vida foi de loita. Comezou a traballar moi xoven, coma case todos os da súa época. Faleceu de maneira repentina, o que sempre é máis difícil de superar. Non sabería dicir se sospeitou nalgún momento que puidese ser o gañador. Morreu pouco tempo despois de que o tema se fixese público. Pasaron sete anos ata que a Policía se pon en contacto con nós e iso foi un 'shock'. A xuíza informounos de que podiamos reclamar o premio. Se meu pai chegase a cobrar os cartos, querería disfrutalos cos seus. A min os cartos non me quitan o sono. Se puidera volver falar con el diríalle só que lle botamos moito de menos". Con estas palabras, péchase un caso que revolucionou durante anos a toda unha cidade.

O gañador do boleto segundo a policía
O gañador do boleto segundo a policía | Fonte: RTVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta