Novas mobilizacións contra o plan de xestión "sen consenso" do parque das Fragas do Eume

Critican que desde a Rede Natura, da que o parque forma parte desde 2004, hai fondos europeos dos que a eles "non chega nada".

Por E.P. | Pontedeume | 19/08/2023 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

Un centenar de propietarios de terreos emprazados no parque natural das Fragas do Eume concentrouse na mañá deste sábado, durante dúas horas, entre as 10,30 e as 12,30, nas inmediacións do local social de Ombre, en Pontedeume.

Protestan contra o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) deste enclave natural pertencente a cinco municipios coruñeses --A Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume-- e que foi aprobado pola Xunta a principios de marzo deste ano.

A presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento, María Ángeles Pita Balsa, explicou que eles levaban "tempo pedindo" o plan, pero lamentou que se fixese "sen consenso". "Presentáronnos un borrador e logo aprobárono, sen chegar a ningún tipo de acordo", afeou.

Así, reclamou que aos propietarios dos terreos "hai que compensalos" e que o documento aprobado pola Xunta "o único que se recolle de compensacións son 1.100.000 euros para dous anos para facer compras, compras de parcelas no parque".

Desta maneira detallou que no parque hai 9.125 hectáreas, das cales algo máis de 430 son de reserva e máis de 3.000 de uso limitado, "o que supón que en case 4.000 hectáreas non se pode facer nada, salvo investigación".

PROPIEDADE SEN PODER SER USADA

Ante este escenario, Pita Balsa asegura que na práctica isto supón que "os propietarios perderon todo, os que o teñen en reserva non poden facer nada, co cal é coma se non o tivesen".

Ademais, "no uso limitado, son uns usos tan limitados que tampouco poden facer nada". Neste contexto, confirmou que eles "non están en contra" do parque natural.

"Pero o que non podemos facer é propor un parque natural de uso limitado de case 4.000 hectáreas á conta dos propietarios, que algúns son donos dunha certa extensión, pero outros son propietarios de pequenas extensións, e iso entendémolo como un abuso", continuou.

Por outra banda, criticou que desde a Rede Natura, da que o parque forma parte desde 2004, hai fondos europeos dos que a eles "non chega nada".

Mobilización de propietarios contra o plan de xestión 'sen consenso' do parque natural das Fragas do Eume.
Mobilización de propietarios contra o plan de xestión 'sen consenso' do parque natural das Fragas do Eume. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta