Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 11:23
Renfe habilita un transporte alternativo por estrada ao estar cortados os servizos de alta velocidade no tramo entre Ourense e Santiago desde este luns, 21 de agosto, e ata o día 29. O motivo é que, unha vez instalado o sistema de seguridade ERTMS, os maquinistas deben realizar as correspondentes probas.
Adif Alta Velocidade (Adif AV) xa concluíu a implantación do sistema de protección do tren ERTMS (European Rail Traffic Management System) no Eixo Atlántico, así como a extensión do equipamento ata completar o seu despregamento no tramo Ourense-Santiago de Compostela (LAV Madrid-Galicia).
Segundo informaron nun comunicado, concluídos os percorridos de fiabilidade e realizada a formación de maquinistas no ámbito Vigo-Padrón e Ordes-A Coruña, no mes de abril, Adif acomete a segunda fase, pondo a infraestrutura a disposición de percorridos de formación entre O Irixo-AV e Santiago de Compostela entre o 21 e o 29 de agosto. A posta en servizo do sistema requirirá da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria.
Na implantación do sistema ERTMS, Adif investiu 63,2 millóns de euros (incluído o mantemento das instalacións por un período de 20 anos) e interveñen na súa execución as compañías Alstom, CAF e Siemens, así como Thales na transición co sistema ERTMS en explotación entre Ourense e Santiago. Sinalan ademais que o alcance da operación (formación neste sistema) faino incompatible co servizo ferroviario no tramo entre Ourense e Santiago de Compostela.
Por iso, e para garantir a continuidade do servizo e facilitar a mobilidade dos clientes, explican que Renfe pon a disposición dos viaxeiros un plan alternativo de transporte para todas as circulacións afectadas. Desta maneira, os viaxeiros dos servizos Avant que conectan Ourense, Santiago e A Coruña, así como dos trens de Longa Distancia que unen distintos puntos de Galicia con Madrid e Cataluña, poderán chegar aos seus destinos durante os días de afectación.
En canto aos servizos Avant, os viaxeiros realizarán en tren o tramo entre A Coruña e Santiago, en ambos os sentidos, sen producirse demoras na duración do traxecto. O percorrido entre Ourense e Santiago farase por estrada, o que comportará un incremento do tempo de viaxe. Excepcionalmente, realizarán todo o percorrido por estrada o primeiro servizo diario entre A Coruña e Ourense, cuxa saída se adianta ás 4.00 para permitir aos viaxeiros enlazar co AVE que parte cara a Madrid ás 6.30; así como o Avant que parte de Ourense destino A Coruña ás 22.58.
Doutra banda, os trens Alvia que conectan Galicia con Madrid modificaranse da forma que segue. A conexión Vigo-Madrid realizarase por vía alternativa, sendo a orixe/destino a estación de Vigo Guixar. No caso dos trens que chegan da capital, realizarase o servizo por estrada a Pontevedra e Vilagarcía desde Vigo Guixar. Da mesma maneira, os viaxeiros con orixe Pontevedra ou Vilagarcía con destino Madrid, chegarán por estrada á estación de Vigo Guixar, onde continuarán o camiño en tren. Como excepción, o Alvia con saída ás 19.15 de Madrid terá conexión por estrada desde Ourense a Santiago e desde Vigo a Pontevedra e Vilagarcía.
En canto á conexión Madrid-A Coruña/Ferrol, os trens Alvia que unen Madrid coa Coruña e Ferrol, en ambos os sentidos, realizarán o tramo entre A Coruña e Ourense por vía alternativa (incluído o servizo Avant compartido que presta este tren). Entre Ferrol e A Coruña viaxarase por estrada, tamén os viaxeiros do servizo de Media Distancia que presta este tren.
No caso dos Alvia Madrid-Coruña das 14.30 horas e A Coruña-Madrid das 18,15 horas farán por estrada o traxecto entre A Coruña, Santiago e Ourense, en ambos os sentidos. Por último, os servizos combinados A Coruña/Santiago-Madrid/Alacante, farase por estrada desde A Coruña ata Ourense de forma que se posibilite a ligazón nesta estación. Os trens Alvia que conectan Galicia con Cataluña realizarán por estrada o tramo entre A Coruña e Monforte de Lemos. Non se verán afectados os trens Alvia Lugo-Madrid en ambos os sentidos nin a Ave Ourense-Madrid e Ourense-Alacante.
MEDIDAS POSVENTA
Para aqueles clientes aos que as novas condicións de viaxe non se axusten ás súas necesidades, Renfe ofrécelles a posibilidade de anular ou cambiar os seus billetes sen custo. O reintegro ou o abono xerado, producirase mediante o mesmo medio de pago previamente utilizado para a compra do título de transporte. As condicións de operación no caso do Eixo Atlántico (A Coruña-Santiago e Santiago-Vigo) son diferentes e a circulación ferroviaria neste tramo non se verá afectada por esta actuación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.