Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2023 | Actualizada ás 13:39
A deputada socialista Leticia Gallego dixo este luns que o acto de apertura do curso político do PP, este fin de semana en Soutomaior, foi "unha tomadura de pelo" na que Alberto Núñez Feijóo admitiu "que vai a unha investidura errada", o que, na súa opinión, "evidencia unha desesperación total".
Nunha rolda de prensa en Santiago, a viceportavoz do Grupo Socialista preguntou ao líder do PP "cal é o fin de que vaia a unha investidura se xa sabe que é errada", a menos que o obxectivo sexa "un fin partidista seu, dentro do seu partido".
"Pedímoslle que dea as explicacións de por que vai ir a unha investidura que el mesmo di que é errada", pediu Gallego, afirmando que "ao señor Feijóo non lle importan nada os homes e mulleres deste país", que "necesitan un Goberno progresista para que mellore as súas vidas". "Para iso estamos aquí, para mellorar a vida das persoas, non como Feijóo, que parece que está para mellorar a súa vida", engadiu.
Por outra banda, Leticia Galego criticou tamén que o PP volvese a realizar este acto de apertura do curso político en Soutomaior. En concreto, lembrou que foi o anterior presidente popular da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o que "abriu o Castelo de Soutomaior para usos partidistas", un "patrimonio público que é de todos" e que na etapa da socialista Carmela Silva "promoveuse a súa musealización". "É outra mostra máis da instrumentalización política do que é de todos", criticou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.