Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/09/2023 | Actualizada ás 10:00
O Camiño é para todo tipo de persoas. Por iso, o vindeiro luns 4 de setembro un grupo de persoas con discapacidade física comezarán dende Ferrol o Camiño Vello a San Andrés de Teixido, finalizando a ruta en cinco etapas o venres 8. Pertencen a entidades como: Predif (plataforma estatal de discapacidade física), Federación estatal Coamificoa, 'En mis ruedas' entidade Catalá, Asociación de acción social Discan, Wheeling Barcelona, Asociación de afectados da polio da Comunidade Valenciana (APIPCV).
Estas entidades están convocadas pola ASCM Galicia e terán a oportunidade de descubrir o encanto desta ruta como actividade de turismo inclusivo, promovida pola Mancomunidade de Ferrolterra e financiada pola Deputación da Coruña, co fin de que reproduzan as experiencias na súa viaxe de forma directa e detallada para promocionar a oferta turística de Ferrolterra noo momento actual.
A Asociación Sociocultural ASCM será a encargada de xestionar as necesidades específicas das persoas con diversidade funcional participantes, achegando o persoal de apoio e coordinando a loxística, ademais de realizar a promoción turística polas canles específicas do colectivo.
Con esta acción o que se pretende é desenvolver e situar o Camiño a San Andrés como produto turístico inclusivo, pois a diversidade funcional representa unha importante demanda turística potencial para os establecementos e servizos turísticos do territorio, e por tanto unha fonte de emprego e emprendimiento para as nosas comarcas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.