Os espellos non reflicten toda a realidade

"Dar grazas ao espello por revelarnos só a nosa aparencia" Samuel Butler

Por Fermín Paz | As Pontes | 31/08/2023

Comparte esta noticia
A miña nai, Adelina, sempre me falou con moito agarimo do camiño vital e das encrucilladas coas que ía atopar. Lémbrome agora daquela sentencia súa: cando teñas dubidas por onde ir, senta, dálle unha volta e non te deixes levar, fai o teu propio camiño. Namentres meu pai, Fermín, asubiaba asentindo con aquel dicir, e de cando en vez, engadía: a responsabilidade do que fagas, sempre será túa e de ninguén máis. Non foi doado para eles, manterme no rego que eles foron facendo para a  nosa familia. Cando xa era un mozo e falaba  con meu pai, con algo de máis fondura dalgunhas solucións sinxelas e sen fundamentar para diferentes asuntos de certa complexidade, sempre me repicaba: "predica meu frade: por unha orella me entra e pola outra me sae". Unhas cinco horas antes da súa morte preguntoume curiosamente polo significado da Yihad para o Islam.
 
Este artefacto, o espello, tan necesario nalgunhas persoas por cuestións de estética, non ten  ningunha utilidade noutras moitas facetas das súas vidas. Aínda que fose de esguello sería convinte que, aqueles que presumen de ética, non esquezan de mirarse no espello antes de predicar. Quizás podan acreditar na súa carencia ou inexistencia e ao mellor chegar a conclusión que non é un bo remedio  o autoengano para quen se instala na deturpación da realidade como práctica corrente.
 
As falsidades nas que se envolven persoas destas características, disque, é un fenómeno que os psicólogos chaman disonancia cognitiva. Este concepto fai referencia a un estado emocional  que xorde como consecuencia da discrepancia entre ideas, ideoloxías e crenzas que se teñen. É dicir, a grande diferencia,  entre o que se di ser e as condutas que se practican. Unha especie de sensación  que  leva a  crear xustificacións que  ben eliminan ou reducen dita diverxencia.
 
Dito doutro xeito, necesitan  fabricar a mentira e instalarse nela para a supervivencia, e pouco despois, cando a persoa se deixa levar por esa doenza dos adentros, remata converténdose nunha constante no día a día, e precisa empregar unha grande cantidade de esforzos para manter ese comportamento. As veces, dito trastorno mental caracterizase pola aparición de ideas fixas, obsesivas e absurdas, baseadas en feitos falsos ou infundados. A paranoia, pode levar a tratar de exercer unha representación exclusiva mesmo  dun colectivo o dunha ideoloxía.
 
Ese comportamento xurde da xustificación de calquera incoherencia e do modo estraño de alianzas aparentemente imposibles cos que se din contrarios para que todo ese facer, encaixe no seu sistema da satisfacción do desexo. Este proceder leva tamén a negar dun modo frontal calquera outro que poida poñer en risco o que se fixo e continua a facerse. Da negación de calquera autocrítica ou mesmo da esencia democrática para resolver a discrepancia nun colectivo ou nunha organización. O resentimento é o seu alimento cotián.
 
Epíteto (o filósofo grego) no seu Manual para a vida, dicía que, as persoas temos un defecto: empeñámonos en querer que a vida se axuste aos nosos desexos. Esa visión  mental é a semente da intranquilidade e tamén da infelicidade. Así, ao longo da nosa existencia atopámonos a miúdo con retrincos dun mundo que non se axusta as nosas expectativas.
 
Posuír determinados bens materiais como consecuencia dunha herdanza ou dun bo traballo e unha rede social de amigos e coñecidos debería darnos grandes doses diso que chamamos felicidade. Con todo, na realidade as pezas non encaixan dunha forma tan sinxela. De feito, en moitos momentos, a felicidade desexada é substituída pola ansia de atopar a calma, a tranquilidade. Ese é o meu grande propósito desde hai ben tempo.
 
Quizás porque cheguei a conclusión de que a fórmula que nos venderon para ser felices non funciona e talvez, é necesario reformular a maneira de transitar pola vida de cando en vez. Despois de moito tempo  estou nesa tarefa, sen deixar no esquecemento todo o que me trouxo  ate aquí e  sabendo tamén que teño que aceptar as contrariedades que van xurdindo sen deixar de facerlles fronte.
 
Asumir que a vida ás veces non ten sentido e que os erros tamén son unha necesidade para aprender é un xeito de achar a paz mental.
 
Estou a gozar coa lectura da escrita de Bautista Álvarez: "Teseo loitando contra o Minotauro" publicada pola Revista galega de pensamento nacionalista Terra e Tempo. Compre que o nacionalismo galego, nestes tempos de confusión, matine un pouquiño nalgúns aportes que  fai o autor como o concepto tan ben explicado da "non necesidade de proclamarse de esquerda porque abonda con actuar como nacionalistas para demostralo". A dinámica fixada polo españolismo non serve para a nosa Patria.

Bautista Álvarez
Bautista Álvarez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.