Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2023 | Actualizada ás 13:53
O Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado celebrará este ano a súa edición número 22 con seis espectáculos que se porán en escena ao longo dos fins de semana de setembro en Santiago de Compostela.
A presidenta da Federación Galega de Tratro Afecionado (Fegatea), Chelo Pampillón, presentou este mércores a cita que organiza esta entidade desde hai máis de dúas décadas, nun acto no que estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e o responsable do CDG, Fran Núñez.
A cita arrincará este sábado, 2 de setembro, coa obra 'A pousada do Tru-Tru', de Desfeita Teatro, que poderá verse ás 20,00 horas no Teatro Principal de Santiago. Á mesma hora, ao día seguinte, Teatro de Cámara Ditea subirá ás táboas 'Nice to kill you'.
A seguinte semana será a quenda de Hipócrita Teatro coa súa peza 'Arte', que poderá verse o 9 de setembro ás 20,00 horas no Salón Teatro da capital galega. Leste mesmo emprazamento acollerá o domingo, día 10, 'Almas na gloria: Don Paco', de Avelaíña Teatro.
O festival dará paso á formación no seguinte fin de semana, 16 e 17 de setembro, cando a sede de Fegatea acolla un taller de máscaras de cartón a cargo de Marcelino de Santiago 'Kukas'.
Para pechar o evento, o Centro Sociocultural Santa Marta, na súa sala Agustín Magán, acollerá a representación de 'O Randiña', da Asociación Dramatúrxica Pico do Castro, o 22 de setembro; e de 'Apuntamentos para un magnicidio', de Ditirambo, o día 23.
UN DOS "GRANDES ALICERCES" DA CULTURA
Durante a presentación, Xaquín López destacou o que supón esta cita como homenaxe á figura de Agustín Magán, á vez que aplaudiu a fortaleza en Galicia do teatro afeccionado, que é "un dos alicerces da construción dun ecosistema cultural potente", xa que "non só crea públicos, se non que dá pé a crear públicos activos".
Na mesma liña, Anxo Lorenzo sinalou que este festival pretende ser unha vía para "mostrar ao público cal é o panorama das artes escénicas non profesionais en Galicia" que, á súa vez, son "parte fundamental" no ámbito cultural da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.