Por E.P. | PONTEVEDRA | 30/08/2023 | Actualizada ás 17:15
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, aproveitou este mércores unha visita ás instalacións da empresa Kalekoi, en Lalín, para animar ás pemes galegas a solicitar as axudas do novo 'Programa Activa Crecemento' posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con fondos do Plan de Recuperación.
Este programa, dotado con 15,9 millóns de euros, ten como finalidade a contratación, por parte das pequenas e medianas empresas, de servizos de asesoramento personalizado.
O delegado explicou que as empresas beneficiarias poderán contratar consultoras e entidades de acreditada experiencia para dispor dun diagnóstico da súa situación e activar un plan de crecemento destinado, por exemplo, a innovación, recursos humanos, dixitalización ou mercadotecnia.
Por iso, considera a iniciativa do Goberno como "unha magnífica oportunidade para seguir avanzando na modernización e na innovación do tecido empresarial, facendo ás pequenas e medianas empresas máis competitivas". O prazo de solicitude abrirase o próximo 5 de setembro e a convocatoria está aberta a todas as empresas con condición de Peme.
Xunto a estas axudas, o delegado emprazou ás pemes e autónomos de Lalín a non deixar pasar a oportunidade que supón o Kit Dixital, un programa que promove a dixitalización dos pequenos negocios e que na provincia de Pontevedra leva mobilizados máis de 21 millóns de euros, con máis de 4.000 beneficiarios. O prazo de solicitude destas axudas está aberto ata fin de ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.