Un hospitalizado tras o choque dunha embarcación cunha batea na Arousa

Aconteceu na Illa de Pedregoso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2023 | Actualizada ás 10:09

Comparte esta noticia

Un dos ocupantes da embarcación que chocou cunha batea en Arousa tivo que ser evacuado a un centro hospitalario tras recibir un golpe nas costelas que lle dificultaba a respiración. Así o informa, no seu parte de incidencias, o 112 Galicia que precisa que foron os propios afectados os que contactaron co servizo de emerxencias pasadas as sete da tarde de onte.

Na súa comunicación indicaron que a bordo da embarcación navegaban dúas persoas, e unha delas recibira un golpe nas costelas que lle dificultaba a respiración. De feito, tras recibir os primeiros coidados polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no porto de Ribeira, só esta persoa tivo que ser evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Segundo explicaron os afectados, a embarcación na que navegaban chocou contra unha batea preto da Illa de Pedregoso, en Arousa. A consecuencia do impacto, unha das persoas que ía a bordo resultou ferida, pero, ademais, necesitaban un rescate para saír da auga.

Desde o 112 Galicia, solicitouse a colaboración de Salvamento Marítimo, que enviou á zona a Salvamar Sargadelos. A bordo desta embarcación, os feridos foron trasladados ao porto de Ribeira, onde esperaba unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para ofrecer os primeiros coidados.

Bateas mexillón rías galegas
Bateas mexillón rías galegas | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta