Arco Iris pide "controlar a nova especie invasora", o xabaril, e "aparcar" a caza do lobo

"Cada día se producen dez accidentes de tráfico en Galicia provocados por esta nova especie invasora, coa complicidade da Xunta", denuncia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2023 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Arco Iris pediu "aparcar" a caza do lobo, ante o anuncio da Comisión Europea de revisar a estratexia de protección desta especie, e apostou por "controlar" a presenza do xabaril.

A través dun comunicado, advirte de que, a pesar de levar protexido 32 anos en toda Europa pola Directiva de Hábitats (DH), o lobo pasará a ser peza de caza en moitas zonas, incluída Galicia, sen "importar" que a poboación se reduza a 93 mandas --segundo o último censo-- e a unha poboación de medio milleiro de exemplares.

Pola contra, a poboación do xabaril supera xa os 200.000 exemplares, dos que ao redor de 17.000 caen cada ano en batidas organizadas, segundo indica Arco Iris. A entidade lamenta que España e outros 11 países presionasen ao comisario de Medio Ambiente para flexibilizar a caza do lobo e agora a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, púxose "ao lado de quen pretenden cambiar" a directiva. Neste sentido, denunciou que "o seu cambio de opinión foi causado pola súa experiencia persoal" de que un lobo macho "acabou cun poldro da súa propiedade".

DATOS "FIABLES"

Ademais, e "dada a incapacidade da Xunta para pór orde nesta confusión", Arco Iris dirixiu senllos escritos de queixa tanto á Comisión Europea como á propia Consellería de Medio Ambiente, indicando que "a presión sobre o lobo redundaría nunha invasión do xabaril, xa que o lobo é o seu único depredador natural".

Por todo iso, insta á Xunta a pospor calquera decisión ata o 22 de setembro e a enviar "datos fiables á CE", sen transmitir "a idea peregrina de que en Galicia podería haber ata mil exemplares, senón moitos menos".

Ademais, a entidade ecoloxista require que Medio Ambiente "estableza de inmediato un plan rigoroso de control do xabaril", co fin de evitar maiores danos humanos e materiais, tendo en conta que cada día se producen "dez accidentes de tráfico en Galicia provocados por esta nova especie invasora, coa complicidade da Xunta".

Xabaril nun centro urbano
Xabaril nun centro urbano | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta