Filgueira ou o desafiuzamento do galego

"Non se pode estar cos que desafiúzan e cos desafiuzados". Aplicada ó contexto lingüístico, esta famosa frase de ÍñigoErrejón sobre Ciudadanos sintetiza un sentir moi estendido no galeguismo sobre a elección de José Filgueira Valverde como persoeiro homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) no presente ano de 2015.

Por José M. Castro | Lugo | 15/05/2015

Comparte esta noticia
Os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo presentan no 20 de marzo de 1963 (ano do centenario de Cantares Gallegos) un escrito coa proposta orixinal de que o 17 de maio sexa unha "data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega". Os estatutos da RAG recollen esta proposta establecendo que "A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe".
 
Alén de posíbeis (e interesantes) polémicas sobre o grao exacto de conivencia de Filgueira co Franquismo, as implicacións morais de ter sido alcalde Pontevedra, mesmo que accedese ó cargo a condición de non asumir a conseguinte xefatura local do Movemento, fan que se poña en cuestión a súa "calidade humana". Da outra banda, a súa "calidade cultural" élle recoñecida sobradamente, e daquela tamén a súa adecuación á proposta orixinal de 1963 que vimos de recoller. Neste pequeno texto queremos abondar nalgunhas cuestións relativas á escolla de Filgueira por parte da RAG que nos poden servir de utilidade no contexto da "sociedade galega de hoxe".
 
Defendemos en concreto que o cerne da cuestión é se, após a infantilización intelectual que o Franquismo pretendeu impornos, temos acadado o grao de madurez suficiente como para debater,nunha esfera de confrontación real e produtiva de argumentacións, sobre figuras da nosa cultura que fagan aflorar conflitos ideolóxicos e políticos de fondo calado. Sería inxenuo pensar que quen defendeu a candidatura de Filgueira o teña feito dende a ignorancia de que a súa figura produce división na nosa sociedade, e é de feito infame que esta escolla da RAG se teña usado politicamente a xeito de provocación. Mais tamén nos parece insensato que a animosidade nos leve a caer neste tipo de provocacións, porque atravesarmos situacións difíciles debería abondar nun incremento da nosa madurez, e a situación actual da nosa lingua é de feito dramática.
 
Os datos sociolingüísticos apuntan efectivamente a que esteamos a enfrontar unha batalla que pode ser definitiva para o funcionamento da nosa cadea de transmisión lingüística no curto e medio prazo. A complexidade desta situación non é en absoluto allea á compoñente política, como tampouco é reducíbel á simplificación de que teñamos unha lingua de esquerdas e outra de dereitas. Precisamos pola contra máis que nunca que a nosa lingua propia sexa defendida dende todos os ámbitos políticos posíbeis, e aquí atopamos en Filgueira un exemplo de valor verdadeiramente singular.
 
Porque revisando a historia podemos comprobar até que punto Filgueira nos demostrou que foi posíbel defender o noso idioma, non só de palabra, senón de feito e de sentimento, dentro do marco do sistema totalitario que se instaurou coa ilexítima usurpación da Segunda República. Filgueira tentou dende dentro do Franquismo que este fose máis tolerábel, particularmente coa lingua galega. No que atinxe estritamente á supervivencia da nosa lingua, cómpre preguntarnos: abóndanos como estratexia debatermos se os poemas de exaltación franquista foron da autoría de Filgueira sen repararmos na significación de que tivesen sido escritos en galego? Porque, de feito, a escolla da nosa lingua ó servizo de Franco pon en maior evidencia, se cabe,a quen en democracia decide refuxiarse na irresponsabilidade e a covardía de tentar tirar proveito político do desafiuzamento do galego fronte ó acoso institucional doutras linguas, oficiais ou non en Galiza.
 
A través do fío condutor do Réxime do 78, en 2015 seguimos a soportar a derrota militar da guerra do 36, e a posterior derrota política do consentimento internacional do Franquismo, como pesadas lousas sobre as nosas posibilidades de desenvolvemento social e cultural. Calquera alternativa de superación da nosa historia debe pasar pola firme e inquebrantábel defensa dos Dereitos Humanos. Neste contexto, e retomando en clave galega o contido da frase coa que comezamos este texto, Filgueira acendeu unha vela a Deus e outra ó Demo; e é certamente rebatíbel que isto "mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe".
 
Mais é tamén significativo que precisamente a seguinte frase dos estatutos da RAG a cercada figura a quen se lle dedique o Día das Letras Galegas receque "En calquera caso, deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día". Porque se queremos que o galego siga vivo precisamos algo máis que unha Santa Compaña da lingua; precisamos tamén levar a nosa madurez até as últimas consecuencias; e precisamos daquela que cada pau teña conta da súa vela. En definitiva, tería sido moito máis conveniente que fose o propio Doutor Filgueira, e non a súa familia e xente achegada, quen escollese o mellor xeito de dar resposta ás múltiples interrogantes que necesariamente afloran no ano en que se pon o foco do Día das Letras Galegas na súa senlleira figura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José María Castro Son licenciado en Matemáticas e Bioloxía e realicei un doutoramento en Bioloxía Evolutiva na USC. Tras traballar como postdoutorando e profesor asociado en Alemaña e Suecia, regresei a Galiza cun contrato de investigación Isidro Parga Pondal. Realicei estadías en universidades de Cuba, Estados Unidos, Escocia, Portugal e Brasil. Actualmente son Persoal Docente e Investigador da Facultade de Veterinaria da USC e desenrolo colaboracións con investigadores de ciencias sociais.