Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/09/2023 | Actualizada ás 20:32
Un home de nacionalidade portuguesa faleceu na tarde deste martes no lugar de Rabal, no municipio ourensán de Oímbra, tras saírse da vía e chocar contra unha vivenda. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar minutos antes das 17.00 horas e, debido á escasa velocidade á que viaxaba e os poucos danos no vehículo, os servizos de emerxencia consideran que puido sufrir unha indisposición previa.
Foi un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen informou ao 112 e explicou que o accidente tivera lugar na estrada que une Oímbra co país veciño, Portugal. No punto, os profesionais sanitarios confirmaron o seu falecemento pero a dúbida xurdiu ante os escasos danos do vehículo e da vivenda, e da reducida velocidade á que circulaba o coche. Por iso, o 112 sinalou que se baralla que o home sufrise unha indisposición previa ao impacto. Ademais dos servizos sanitarios, no operativo participaron os Bombeiros de Verín e a Garda Civil de Tráfico. Tamén se mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.