Científicos do IEO estudan melloras na selectividade da pesca de arrastre que favorezan a supervivencia de raias e quenllas

Os científicos están a probar dispositivos de exclusión de cetáceos e estanse aplicando sistemas de observación electrónica e intelixencia artificial para a caracterización automática de especies descartadas e estudar así a supervivencia das mesmas, especialmente de raias e quenllas.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/09/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

Un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) composto de persoal científico e técnico está a levar a cabo desde o pasado 4 de setembro e ata este xoves, día 14, unha campaña de investigación co obxectivo de determinar a selectividade de diferentes artes de pesca de arrastre.

Tal como explica o IEO nun comunicado, a iniciativa, denominada Descarsel0923, está a realizarse a bordo do buque oceanográfico Miguel Oliver, pertencente ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no caladoiro Cantábrico Noroeste. Cofinanciada pola Unión Europea, a campaña pretende probar dispositivos para reducir descartes e evitar a captura accidental de especies protexidas.

En concreto, os científicos están a probar dispositivos de exclusión de cetáceos e estanse aplicando sistemas de observación electrónica e intelixencia artificial para a caracterización automática de especies descartadas e estudar así a supervivencia das mesmas, especialmente de raias e quenllas.

Para iso, realízanse pescas experimentais en determinadas zonas para obter información técnica sobre a selectividade dos distintos deseños de artes, usando distintas estratexias de pesca, así como sistemas que facilitan o escape das capturas accidentais de especies protexidas como os cetáceos.

"A monitorización total e control de operacións de pesca cos sistemas de sensores do buque oceanográfico permítenos obter información completa e traballar en condicións controladas e máis adecuadas aos obxectivos que nun barco comercial", explicou o investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e responsable do proxecto, Xulio Valeiras.

Imaxe dunha rede de pesca
Imaxe dunha rede de pesca | Fonte: IEO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta