Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 15/09/2023 | Actualizada ás 22:00
A crise demográfica é a máis grande ameaza para o futuro da nosa terra. Na actualidade Galicia conta con 2.701.631 habitantes (cifras do Instituto Nacional de Estadística correspondentes ao pasado mes de xuño), pero o descenso da poboación por ano é notable, e non chega a alarmante grazas á inmigración, que maquilla un pouco a gran diferenza que existe entre o número de mortes e o número de nacementos.
En concreto, para facernos á idea desta problemática, as cifras amosan que no que vai de 2023 faleceron na comunidade galega un total de 21.515 persoas (ata a semana 34 do ano, é dicir, con datos contabilizados ata o pasado 27 de agosto). Sen embargo, ata o pasado mes de xullo (último dato dispoñible), só naceron 8.086 persoas, o que supón 13.429 menos das que morreron. É dicir, morreron máis do dobre de galegos dos que naceron.
E non é algo que sucedese este ano como excepcional, senón que é a tónica habitual. Botando unha ollada ás cifras de mortes que se levaban acumulado ata a semana 34 (última de agosto) de anos pasados, as cifras son moi similares ás deste 2023: en 2022 foran 23.288 os decesos; en 2021, 21.473; en 2020, 21.490; en 2019, 20.582; en 2018, 21.942; en 2017, 21.129; e en 2016, 20.863.
Por semana, o último rexistro co que contamos tamén se corresponde á semana que foi dende o 21 de agosto ata o 27 de agosto de 2023: 605 mortes. Nas mesmas datas en anos anteriores faleceran 598 persoas no 2022; 598 tamén no 2021; 585 no 2020; 490 no 2019; 533 no 2018; 561 no 2017; e 524 no 2016. Estamos a falar tamén dun dato medio, pois os rexistros amosan que a semana con máis decesos foi a 27 do 2022 (710); e a de menos, a 41 de 2019 (475).
E é que as mortes son numerosas porque a poboación galega vai envellecendo a pasos axigantados. De feito, no ano 2020, por poñer un exemplo, 526 das 585 persoas que morreron nesa última semana de agosto tiñan máis de 65 anos. O mesmo ocorría no 2019, cando na última semana de agosto faleceron un total de 490 persoas, das que 428 tiñan máis de 65 anos. A estadística é demoledora.
Botando a vista máis atrás, é importante sinalar que nos últimos 40 anos a cifra de defuncións anuais, lonxe de diminuír, foi aumentando de forma considerable. Así, indo de cinco en cinco anos, cada quinquenio, dende 1980, o número de mortes creceu, e non de forma lineal, senón expoñencial nos últimos anos, facéndoo cada vez en maior medida. Por aquel entón, no ano 1980, morreran en Galicia 24.681 persoas; cinco anos máis tarde, en 1985, faleceran 26.295; en 1990, 27.979; en 1995, 28.464; no 2000, 28.858; no 2005, 29.383; no 2010, 29.749; no 2015, xa foran 31.688; no 2020, chegouse a 33.118; e no que vai de ano xa son 21.515.
Así as cousas, e a este ritmo, de non ser pola inmigración que cada ano acolle a nosa terra, perdendo de media 28.913 habitantes por ano (a media de mortes que sae nos últimos nove anos), a poboación Galega caería dos 2,5 millóns en tan só sete anos, é dicir, no 2030. E se dende 1980 se houbesen perdido esas 24.681 persoas que faleceron cada ano ata a actualidade, nestes momentos a comunidade tería menos de 1,7 millóns de habitantes, un millón menos que a cifra actual.
EN 1787 UN DE CADA OITO ESPAÑOIS ERA GALEGO
Pero houbo un tempo, alo polo ano 1787, cando se fixo o primeiro censo da poboación en España, en que un de cada oitos españois era galego. Naquel primeiro rexistro, Galicia aportaba máis do 13 % da poboación de España (agora traballo lle costa chegar ao 6 %).
A Coruña era naquela época a provincia máis poboada de todo o país e Pontevedra era a que contaba con maior densidade de poboación. Hoxe en día, só 1 de cada 18 españois é galego.
E iso que no 1787 só tres localidades galegas superaban os 10.000 habitantes (Ferrol, con 24.993 grazas a ser a base da Armada; A Coruña, con 13.500; e Santiago, con 15.600), todo o resto eran aldeas e pobos, pero cheos de xente, non como agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.