Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 15:33
A Xunta destacou que a futura lei da calidade alimentaria reforzará a protección das producións agrícolas galegas e intensificará a identificación dos alimentos con Galicia e coa súa excelencia. Así o fixo o conselleiro do Medio Rural, José González, na 41ª Festa da pataca do municipio coruñés de Coristanco, no que tamén lembrou que o Executivo galego "remitirá proximamente" ao Parlamento este proxecto de lei.
Con ese proxecto, incidiu González, Galicia será a primeira comunidade española en contar cunha certificación de sustentabilidade alimentaria. Segundo explicou a Xunta, o conselleiro trasladou que profundarán na profesionalización dos consellos reguladores, mellorarán os controis de calidade en beneficio dos produtores e dos consumidos e potenciarán o papel do sector, con novos órganos de participación e consulta, entre outras novidades.
Así mesmo, González remarcou o labor da Xunta para apoiar en particular o cultivo da pataca e en xeral para fomentar a agricultura e a gandaría a través da mobilización de terras, co obxectivo de facilitar a rendibilidade e a competitividade das explotacións. Finalmente, incidiu en que esa celebración é un evento que "contribúe a exaltar un produto singular" do agro galego e que a Xunta apoia con iniciativas como a campaña de promoción que porá en marcha proximamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.