O asilo de Cambados ponse á venda nun portal inmobiliario

O pazo que actualmente acolle o xeriátrico foi posto á venda nun portal inmobiliario. O Concello de Cambados valorou "con moita preocupación" o anuncio. "Para nós é unha moi mala noticia", indicou o alcalde, Samuel Lago, quen expresa, ademais, que o desexo do Concello é que o inmoble permaneza en mans públicas.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/09/2023 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O Concello de Cambados valorou "con moita preocupación" o anuncio confirmado de que o edificio que alberga o asilo da localidade está en venda nun portal inmobiliario. "Para nós é unha moi mala noticia", indicou o alcalde, Samuel Lago, quen expresa, ademais, que o desexo do Concello é que o inmoble permaneza en mans públicas.

Samuel Lago asegurou que o goberno local "non quedará impasible" ante o anuncio de venda do edificio e que "fará as xestións oportunas con outras administracións que permitan que o asilo de Cambados "siga destinado a un uso social para o coidado de persoas maiores". O actual asilo de Cambados está situado no pazo de Montesacro, un edificio barroco datado no século XVIII que foi adquirido en 1939 pola congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, congregación que actualmente segue á fronte da súa xestión.

O desexo do Concello de Cambados é que esta edificación "quede en mans públicas e manteña o uso social para o que foi doado no seu momento: o coidado de persoas maiores". Pero ademais, engade o rexedor, tamén é prioritario conservar o pazo que alberga o asilo, en tanto é "patrimonio de importancia en Cambados".

O pazo de Montesacro figura á venda nun portal inmobiliario xunto unha parcela anexa. O conxunto alcanza, segundo se anuncia, unha superficie de 12.547 metros cadrados. O inmoble dispón de 30 dormitorios, 23 baños, terraza, xardín, garaxe, lavadoiro, cociña equipada, calefacción, aire acondicionado e acceso habilitado para cadeiras de rodas.

SEN CAPACIDADE FINANCEIRA

Aínda que no anuncio do portal inmobiliario non figura o prezo de venda da edificación, o Concello de Cambados asume que por si só non ten capacidade financeira para adquirir o inmoble, polo que o alcalde avanza que tratará de conseguir o apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Samuel Lago adiantou que xa solicitou unha entrevista co presidente da Deputación, Luís López, para abordar este asunto e que tamén tratará de solicitar o respaldo da Xunta "para ver se existe a posibilidade de que a administración autonómica poida adquirir o inmoble e manter o seu uso como residencia pública de anciáns a un prezo máis alcanzable que nun centro privado".

Asilo de Cambados
Asilo de Cambados | Fonte: Pinterest

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta