Por Europa Press / Redacción | Santiago | 21/09/2023 | Actualizada ás 13:33
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) chama ao "equilibrio" e a apostar por "a eficiencia e a produtividade" en canto ao aproveitamento dos recursos forestais galegos. Tamén, nun contexto no que o foco está no eucalipto, a "evitar a demonización sistemática de especies e aproveitamentos".
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, trasladou nun comunicado que, na actualidade, "queda claro que a responsabilidade e labor, tanto de administracións como de empresas, así como do conxunto da sociedade, é pór en valor e en equilibrio a sustentabilidade, o medio ambiente, os nosos recursos naturais e o aproveitamento dos mesmos". "Por tanto, tamén hai que pór en valor a economía, o sector forestal, a creación de empregos e a produción de calidade", esgrimiu.
Neste punto, indicou que Galicia ten que ser "un exemplo de país moderno e industrializado". Así, reivindicou que "é de xustiza buscar un necesario equilibrio" entre o aproveitamento dos recursos naturais", sen prexuízo de "perder patrimonio e identidade".
A CEG incide en que, segundo o Inventario Forestal Continuo, en Galicia rexistráronse 409.026 hectáreas de eucaliptos que "supoñen unha fonte importante de ingresos en áreas rurais e en especial para as familias galegas".
"Desde un punto de vista económico, non podemos esquecer que o eucalipto contribuíu ao desenvolvemento de actividades económicas locais, xerando emprego e un sector forestal de referencia en Galicia. Sector que contribúe ao desenvolvemento do medio rural e á cohesión territorial", apostilou.
"A NORMATIVA É XA MOI ESIXENTE"
En todo caso, incidiu en que a protección do patrimonio natural e da biodiversidade e a preservación doutras especies arbóreas "é xa unha prioridade das administracións, pero tamén de todos os galegos".
Na mesma liña, engadiu que a normativa que limita a plantación de eucalipto busca preservar o equilibrio e a sustentabilidade dos bosques, compatibilizando o aproveitamento forestal coa biodiversidade e unha configuración heteroxénea destes. "A normativa é xa moi esixente, seguramente máis do necesario, e por iso non deixa marxe ao risco", agregou.
PAPEL "TRACTOR"
A CEG entende que a ordenación e aproveitamento dos bosques é "a única forma de garantir a súa sustentabilidade". "O bosque ten que ser rendible ou polo menos compensar o custo que supón o seu mantemento. O eucalipto é a especie tractora do sector forestal en Galicia", manifestou.
Por iso, os empresarios insisten en "avogar por un aproveitamento ordenado e eficiente da nosa superficie forestal, que evite o risco de incendios e preserve a biodiversidade, promova o desenvolvemento económico do territorio e o asentamento de poboación en torno ao aproveitamento dos recursos".
O sector empresarial galego defende, como o fai a cadea de valor do sector forestal madeireiro, "un monte diverso, que achegue alternativas economicamente rendibles para os seus donos, posto que, ademais, iso supón combater o abandono do medio rural galego". "A boa xestión dos recursos naturais xerará beneficios para o conxunto da comunidade", apuntou.
O presidente da CEG insistiu, neste escenario, en que "este desenvolvemento ordenado e sustentable non debe pasar pola demonización de determinadas especies, senón polo equilibrio e racionalización dos aproveitamentos e por salvagardar ao mesmo tempo o noso patrimonio en sentido amplo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.