Yolanda Díaz en Santiago: "España vai seguir subindo o salario mínimo"

A ministra de Traballo defende en Santiago, durante o cume europeo de emprego, que "o dialogo social ten que chegar a Europa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, compromete que "España vai seguir subindo o salario mínimo" e "os salarios". A preguntas da prensa con motivo do cume europeo de emprego que se celebra en Santiago, Díaz defendeu que a subida do salario mínimo supón "a mellor ferramenta de loita contra a pobreza laboral".

"Estou segura que seguiremos traballando desde un goberno progresista en canto culmine a quenda o señor Feijóo", en referencia ao debate de investidura do líder popular da próxima semana. "Seguiremos gañando dereitos para os traballadores e traballadoras", garante. "O Goberno do señor Sánchez no futuro seguirá sendo tan social como o foi na pasada lexislatura", deixou claro. Igualmente, Díaz asegura que é a "ferramenta feminista por excelencia" subir o soldo das traballadoras máis vulnerables.

Remarca que, a pesar de que durante a crise o PIB caeu uns 11 puntos, a "saída da crise é sustencialmente diferente" á anterior. De feito, valora que se conseguiu reducir en catro puntos a brecha salarial entre homes e mulleres a pesar da inflación pola guerra de Ucraína. Unha cuestión que atribúe á subida do salario mínimo e á reforma laboral, que "non son eficaces soamente en termos sociais, senón que son moito máis eficientes en termos económicos". Nesta liña, resalta que os salarios non son os "causantes" da inflación, senón que o achaca ás "extensas marxes empresariais". Apunta que o salario mediano español é de 1.500 euros, "e é moi difícil vivir con 1.500 euros".

DIÁLOGO SOCIAL

Santiago de Compostela acolle este xoves e venres, 21 e 22 de setembro, un cume europeo sobre emprego, na que se abordarán retos como o diálogo social, así como as transicións dixital e verde. Durante a súa intervención, acompañada do comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, Yolanda Díaz mostrou o desexo de que a presidencia española sexa a "máis social ate este momento en Europa". Despois de agradecer o recibimento de Santiago, onde "todo o mundo atopa acollida", mostrou o seu desexo de que este evento supoña "facer do diálogo social o mellor de Europa".

Apunta que en Europa hai 100 millóns de pobres e o 29 % dos traballadores "o son precariamente". A vicepresidenta segunda opina que hai dous modelos de saída das crises, o que ocorreu co crack financeiro de 2008 e unha austeridade que produciu "enorme dor e sufrimento", fronte ao que acaba de pasar co coronavirus e unha protección "sen precedentes".

"Esta é a Europa que queremos", sostén en referencia a unha Europa "social", co diálogo social como "mellor ferramenta" para "transformar a vida das xentes". Aquí apunta á importancia da formación e abordar os cambios tecnolóxicos. Iso si, os algoritmos "non poden utilizarse en contra dos dereitos fundamentais da ciudadania". Defende que "o dialogo social ten que chegar a Europa". Por iso, asegura que traballan para unha Europa "mellor", "máis social, máis feminista e máis ecolóxica que nunca". Tamén mostrou o seu desexo Díaz de que durante a presidencia española poida haber un acordo na directiva de plataformas dixitais, un tema "moi importante" e unha materia "moi delicada" que actualmente se atopa en negociación de trílogos.

AS VACANTES "NON SON O PROBLEMA" DO MERCADO LABORAL

Cuestionada polas vacantes existentes en España, Díaz aseverou que "España non ten un problema de vacantes". "Non somos Estados Unidos", razoa, pois "nin sequera" está na media de vacantes da UE. Aínda que admite que hai profesións nas que a demanda de man de obra é coñecida, "non é o problema que ten o mercado de traballo" no país. Indica que esa problemática pasa pola "realizacion de millóns de horas extraordinarias que son absolutamente excesivas" e que non se remuneran, polo que apela a Inspección de Traballo a "corrixir" esta situación. Chama á "prudencia" sobre os datos de vacantes, posto que "non son o problema do mercado de traballo español". "O problema", insiste, son as horas extra sen retribuír.

SETEMBRO TERÁ UN PARO CON CIFRAS "ORDINARIAS"

Paralelamente, Díaz fixo mención a que o paro estrutural en España atópase "moi por baixo" da media da serie histórica, posto que coa dereita alcanzou o 27 %. Recoñece que queda "moito camiño por percorrer", pero traballará pola súa diminución nun contexto no que hai que ser "moi prudente" pola recesión en Alemaña e o momento "delicado" que se vive. De feito, avanzou que as cifras de paro de setembro serán as "ordinarias dun mes como é o actual".

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballos e Asuntos Económicos, Yolanda Díaz, e o comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, á súa chegada a unha rolda de prensa,  no Hostal dos Reis Católicos, a 21 de setembro de 2023
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballos e Asuntos Económicos, Yolanda Díaz, e o comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, á súa chegada a unha rolda de prensa, no Hostal dos Reis Católicos, a 21 de setembro de 2023 | Fonte: Álvaro Ballesteros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta