Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 19:23
O PP de Santiago pediu este venres explicacións ao goberno que lidera o BNG polo "atraso" na concesión de licenza para implantar unha unidade de coidados intermedios, vinculado á remodelación do edificio do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).
Ante esta petición de explicacións, o goberno local remitiu o cronograma da solicitude de licenza, que se iniciou no mandato pasado (11 de agosto de 2022) e que agora, segundo este esquema do executivo local, está pendente de que o técnico da asesoría xurídica envíe proposta de resolución da concesión de licenza. O encargo fíxose o 31 de agosto, despois de que o 14 de xullo a arquitecta municipal dese o visto e prace á concesión da licenza.
O proceso iniciouse en agosto do 2022, cando a Xunta enviou, segundo explica o Concello, uns links de caducidade de 96 horas coa solicitude. O 28 de setembro de 2022, baixo o mandato do socialista Xosé Sánchez Bugallo, faise un requirimento para que volvan habilitar esas ligazóns, que non se remiten por parte da Xunta ata o 13 de febreiro. Así, o 3 de marzo procédese a unha solicitude de documentación complementaria e, tras varios trámites, o 22 de xuño deste ano entrégase por completo. O 14 de xullo emítese o informe por parte da arquitecta e o 31 encárgase a proposta de resolución á asesoría xurídica.
CRÍTICAS DO PP
O PP de Santiago esixiu explicacións e cuestionou que "moito contratar a un exército de asesores para axudalos a gobernar, posto que parece que o número de concelleiros non é suficiente para xestionar o concello, pero á hora da verdade os asuntos non están a saír adiante".
Así, a concelleira Yolanda Otero Balsa sinala que "á hora da verdade, os asuntos non están a saír adiante e sería triste que se perdese a oportunidade de ter un centro referente a nivel nacional en coidados intermedios pola incapacidade do goberno" local. A edil popular tamén lamentou que, desde xuño de 2023, cando accedeu ao Concello o goberno do BNG, "a comunicación da administración local convertésese en nula co perigo que iso supón polo axustado dos prazos para sacar adiante este proxecto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.