Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2023 | Actualizada ás 20:28
O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso na que esixe ao Ministerio de Traballo que explique as razóns da "exclusión" do sindicato CIG no cume europeo sobre traballo celebrada esta semana en Santiago de Compostela.
A principios desta semana a CIG convocaba, entre outros motivos, unha protesta para o xoves por ser vetada neste cume. Posteriormente, o martes, o Ministerio de Traballo trasladoulle que estaba convidada. Con todo, ao final, a escasas horas do comezo, informouse á central nacionalista de que non podería participar.
O deputado do Bloque na Cámara Baixa, Néstor Rego, considera "completamente inxustificable" este feito, que considera "un claro veto por parte do Ministerio" á participación da CIG e unha "clara discriminación coa primeira central sindical de Galicia" que ademais, engadiu, "ten a condición de máis representativa a nivel estatal".
Así, demanda ao Ministerio que dirixe Yolanda Díaz que pida desculpas ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e ao sindicato por unha actuación que "discrimina a miles de traballadores galegos representados pola CIG".
Ao mesmo tempo, o deputado nacionalista lembrou que a CIG, por ter a condición de "máis representativa", fai parte xunto con CC.OO., UXT e o vasco ELA do Consello Económico e Social de Estado, a pesar do cal "é sistematicamente excluído do chamado diálogo social".
Por iso, emprazou a Yolanda Díaz a "pór fin á longa listaxe de discriminacións" coa Central sindical nacionalista e a asegurar a participación desta "en todos os ámbitos que lle corresponden".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.