Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2023 | Actualizada ás 18:33
O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, reclamou ao goberno municipal, do Partido Popular, que "deixe de incumprir a ordenanza de normalización lingüística" desta Administración local.
"Vai sendo hora de que corrixamos este tipo de actitudes, sobre todo tendo en conta que o Concello ten aprobado desde o ano 1997 unha ordenanza de normalización lingüística", que ademais foi "aprobada por unanimidade e que 25 anos despois, está moi lonxe de que se cumpra", dixo o político nacionalista en declaracións aos medios no Rexistro municipal. Alí, introduciu un documento con esta petición en compañía dos representantes doutras entidades e asociacións.
"Quixeramos aproveitar a situación e o debate que se pode xerar hoxe para pedirlle ao actual alcalde, que polo menos, que aqueles cargos públicos que ostentan a representación municipal expresen as súas opinións, as súas vontades ou os seus argumentos en lingua galega", detallou Rivas, "tanto nos plenos municipais como en calquera acto público no que teñan que acudir".
DOCUMENTACIÓN
Desde o BNG de Ferrol incidiu en que "parece un pouco inaceptable que, a pesar das reiteradas demandas por parte de veciños desta cidade, as empresas que dependen do Concello de Ferrol, como Emafesa, e que teñen a obrigación de dirixirse aos seus administrados en lingua galega, continúen facendo e levando toda a documentación que xeran, recibidos incluídos, en castelán".
Por iso, pediu que "vai sendo hora de que a sinaléctica municipal estea de acordo con esa ordenanza, onde a única forma posible de expresar os topónimos e a descrición dos espazos que existen na cidade é en lingua galega". Ante iso, iniciaron unha campaña para que a Administración local para que o goberno e o alcalde desta cidade, teñan en conta todos estes dereitos.
BALANCE
Noutra orde de asuntos, e a preguntas dos medios de comunicación, Iván Rivas tamén realizou un balance dos 100 primeiros días do goberno do popular Rey Varela. Así, detallou que "estamos antes un goberno que está a mirar permanentemente cara ao pasado, onde vemos a aprobación duns orzamentos onde a política de austeridade é a única política" e que "ten unhas graves consecuencias para esta cidade, cunha deterioración da prestación de servizos públicos que podemos ver cada día".
Por último, asegurou que "o nivel de investimentos redúcese a uns niveis que superan o 50% do que había en anos anteriores, cando o que necesita esta cidade realmente é un reforzo de investimentos e servizos que se prestan".
Ademais, incidiu en que "se seguen mantendo os privilexios daquelas entidades e Administracións, Autoridade Portuaria, Ministerio de Defensa ou Navantia, que seguen sen achegar tributos". Tamén criticou que "elementos que deberían ser fundamentais para definir o futuro da cidade, como os restos atopados na rúa San Francisco, son enterrados e sepultos baixo unha capa de formigón, perdendo oportunidades craves para unha cidade como Ferrol".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.