Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/10/2023 | Actualizada ás 22:00
O cánnabis, a marihuana, os 'verdes', a 'hierba', os porros... As formas de chamalo son múltiples, pero a cousa vén sendo a mesma: unha droga que causa dependencia en moitas persoas e que pode chegar a derivar en esquizofrenia e psicose nalgúns dos casos. Unha substancia que, amparada por unha industria que a comercializa valéndose de toda sorte de artimañas, conta co visto e prace da poboación máis xoven (que xa a vén menos prexudicial que o tabaco) e coa aceptación do seu consumo en lugares públicos por parte dos demais. Pero, coñecemos realmente cal é o seu perigo? Manuel Isorna, experto en drogodependencias e profesor da UVigo nolo conta.
É importante comezar polo máis básico, é dicir, por saber que é o cánnabis como tal. O cannabis provén dunha planta da que antigamente había tres grandes variedades: sativa, con follas máis finas e a máis coñecida e representada, que florece case de xeito natural por todo o norte de África, Exipto e o sur de España; a índica, que é a mesma planta pero que ao trasladarse a Latinoamérica adáptase ao clima e conta con follas algo máis anchas; e a ruderalis, propia do sur de Rusia, Uzbekistán e a India. Pero a día de hoxe as variedades xa son moitas máis.
En primeiro lugar, os cultivadores destas plantas déronse conta de que ao tratarse dunha planta dioica, precisaba machos e femias para poder reproducirse, e como os machos non producían 'cogollos', o máis útil a nivel de produción era conseguir que todas as plantas estivesen feminizadas, é dicir, que autoflorecesen sen necesidade de macho. Se a isto lle sumamos o engano que supón encerrar aos exemplares as 24 horas do día baixo unha luz que simula o sol, estarán todo o día realizando a fotosíntese e, polo tanto, crecerán máis rápido os 'cogollos' independentemente das condicións climáticas. Así é como se incautan a meirande parte dos cultivos, nesta sorte de invernadoiros improvisados.
E, en segundo lugar, faise preciso experimentar mutando plantas para tratar de lograr que estas xeren 'cogollos' con maior concentración de THC, que é o que 'coloca'. En concreto, o TCH é o único cannabinoide da planta do cánnabis que ten propiedades psicoactivas, que é o que buscan os consumidores; os outros cannabinoides serían o CBD (cannabidiol) e o CBN (cannabinol). Canto máis THC, polo tanto, maior poder de dar 'o subidón', algo que a industria sabe e, tal e como conta o profesor Isorna, "mesmo crean concursos para ver quen consegue crear, servíndose das leis de Mendel, plantas con maior concentración de THC". Participar sae barato, como apunta, pois os prezos non son caros: antes de 1 a 10 sementes rondaban os 4 euros por unidade; de 11 a 25 os 3,50; e se se mercaban máis de 25 baixa a 3 euros por semente. Pero agora xa se venden por un euro ou mesmo por cincuenta céntimos.
E cal é o beneficio que pode dar cada planta que xurde desa semente que costou tan só cincuenta céntimos? Aproximadamente, uns 500 euros. Como alerta o profesional da UVigo, "moitos mozos vén que isto é un gran negocio". E máis cando tampouco é difícil realizar o cultivo. "Entras en Internet e xa che poñen todo, as propias páxinas onde mercas as sementes che indican como cultivalas e realízanche o envío á casa, téndoa ao día seguinte na porta", expón Isorna. De aí que cada vez haxa máis e máis incautacións, e tantas outras que aínda se descoñecen e están por descubrir, que serán a maioría, seguramente.
Pero a cousa aínda vai máis alá, como expón o investigador. "Outro dos grandes negocios está nos fertilizantes", asegura. A planta do cannabis, como calquera outra, ten os seus propios ciclos de floración, pero a industria xa che vende todo o necesario para que creza mellor, e non precisamente a prezos baratos, como as sementes. Un fertilizante pode custar 15 euros, e non chega un por planta, de aí que nos fertilizantes sexa "onde se gaña a maioría do carto". Fortalecendo a planta nun sentido ou noutro, tamén se conseguirán menores ou maiores concentracións de THC, que é o que se busca. Sen embargo, advirte este experto da UVigo, "canto máis THC, menos dos outros cannabinoides, algo que é determinante".
ESTRATEXIAS DE VENTA: DESDE INCIENSO ATA AMBIENTADOR PARA COCHES
Sabendo todo isto, como é posible que se permita a venda destas sementes en España? Nas chamadas 'grow shops' pódense atopar sen maior problema, comercializadas e envasadas como calquera outro produto do supermercado. Hai varias estratexias, como apunta Isorna. Por unha banda, os cannabinoides sintéticos poñen que non son aptos para consumo humano na etiqueta, e véndenchos como incienso, perfume para coches... "Son moito máis perigosos, pero como poñen que non é apto para consumo humano, se ti o queres esnifar ou fumar, o problema é teu", indica.
E, por outro lado, as sementes como tal teñen todas a mesma etiqueta na embalaxe: 'Queda prohibida a súa venda a menores de 18 anos (algunhas poñen 21 para poder vender en Estados Unidos). Sementes de uso exclusivo para o coleccionismo (se logo ti as cultivas, o problema é teu). Queda prohibida a súa xerminación. Non son aptos para usos agrícolas. Consultar a lexislación vixente sobre drogas. O distribuidor e o vendedor NON se fan responsables de calquera uso ilícito que terceiros poidan facer destas sementes'. Así as cousas, vender sementes de cánnabis non é ilegal, tampouco legal, é alegal. Pero a pregunta que se fai Isorna é: "Se son sementes para o coleccionismo, para que me venden fertilizantes?".
O CÁNNABIS QUE SE CONSUME AGORA, CINCO VECES PEOR QUE O DE FAI 20 ANOS
O grande problema está, recordemos, na concentración de THC, canto máis alta, máis propiedades psicoactivas, e, ademais, menos cantidade dos outros cannabinoides, CBD e CBN. "O equilibrio entre eles é fundamental", expón Isorna, que asegura que "algunhas persoas poden chegar a desenvolver trastornos psicóticos, pois hai variedades co THC tan alto que poden chegar a desenvolver psicosis ou esquizofrenia".
E, pese a todo, a sociedade pensa que o consumo é algo case inocuo. Conta o profesional que no ano 1995 ao preguntarlle á poboación se pensaba que o consumo de cannabis tiña altos riscos, dicía que si, mentres que no 2019 xa dicían que non na súa maioría. Cando é todo o contrario: o cánnabis do 95 tiña entre un 4 e un 5 % de THC, pero hoxe, 20 anos despois, esa porcentaxe multiplicouse como mínimo por cinco, ata o 20 %, ou máis, en moitos casos".
E que di a lexislación sobre o tema? En España, cánnabis con ata un 0,2 % de THC pode venderse, en Europa en xeral. En Suíza, poden vender con ata un 2 % de THC, porque se considera que con esa cantidade non ten propiedades psicoactivas. De feito, a venta da substancia con altas concentracións de CBD ou CBN non está prohibida, pois non ten esa capacidade de 'colocar'.
Tanto é así que os chamados 'porros electrónicos' (unha sorte de cigarrillo electrónico pero para fumar marihuana), que cada vez se están poñendo máis de moda, véndense no mercado de forma legal con CBD para o consumo. A xente o que fai, e a industria sábeo e apoiao, tal e como afirma Isorna, é cambiar ese CBD por THC, "e xa teño o meu 'porro electrónico' para 'colocarme'".
Como explica este profesional, e incide moito niso, "o CBD ten propiedades antisicóticas, por eso é tan importante que haxa un equilibrio entre este cannabinoide e o THC, que pode chegar a producir os brotes psicóticos". Como hoxe por hoxe as plantas teñen unha cantidade de THC mesmo superior ao 20 %, "é moito máis perigoso fumar hoxe en día que fai 20 anos". Algo que o demostra son as gráficas de consumo e hospitalizacións en Estados Unidos tras a legalización da marihuana.
Antes da legalización fumaban en todo o país uns 25 millóns de persoas, agora están por riba dos 40 millóns. E a gráfica de demandantes de tratamento (por dependencia) é moito más grande, cando debería ir paralela ao do consumo. Como é posible? "Porque vai paralela á potencia das plantas incautadas, é dicir, á concentración que estas teñen de THC, que aumentou co paso dos anos", explica Isorna, que engade que "a industria quere grandes concentracións para poder xerar grandes dependencias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.