Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2023 | Actualizada ás 15:19
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a formación nacionalista levará ao debate sobre o estado da autonomía unha Lei de igualdade no deporte, coa que introducir novas ferramentas e mecanismos para traballar pola "igualdade de xénero, combater a desigualdade e o machismo" e para que as denuncias teñan resposta no ámbito legal.
Pontón reuniuse este venres con mulleres do ámbito deportivo (non só deportistas) para escoitar as súas propostas e preocupacións nun ámbito no que, como explicaron algunhas participantes, dáse desde a exclusión xornalística ata o abandono temperán do deporte afeccionado a situacións de acoso ou desigualdades de trato.
Para abordar todas estas cuestións, a lei que levará o BNG ao Parlamento, e que tamén beberá das achegas recollidas neste encontro, pretende crear un Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, que terá como función impulsar estudos estatísticos, cualitativos sobre o papel da muller no deporte galego, así como a situación económica, profesional, deportiva ou dos posibles casos de machismo que se poidan vivir ou presenciar.
Outro dos aspectos que incluirá é a creación da Comisión Galega da Igualdade no Deporte, que se idea como un órgano colexiado no que participen a administración galega e os diferentes sectores deportivos, con capacidade sancionadora. Ademais, tamén suporía un espazo de "diálogo e de intercambio de experiencias, tamén positivas, para fomentar a igualdade e avanzar nun ámbito que é moi heteroxéneo", segundo as disciplinas e as diferentes circunstancias.
Como terceira medida, propón protocolos específicos para evitar actos machistas e, como cuarta, crear plans de conciliación familiar para que as deportistas profesionais non teñan que escoller entre continuar coa súa carreira deportiva e a crianza dos seus fillos.
VISIBILIDADE E PARTICIPACIÓN
Outra das cuestións que contemplará esta proposta da lei será o incremento da participación das mulleres no ámbito directivo ou a visibilización do deporte feminino. Pontón destacou que "neste caso, xogan un papel crave os medios públicos e, en concreto, a CRTVG, que debe incrementar as emisións e deporte feminino en horario de máxima audiencia".
"En definitiva, trátase dun conxunto de medidas para impulsar a igualdade no deporte, collendo a testemuña de moitas mulleres deste país como Irene González, Vero Boquete, Teresa Abelleira, Ana Peleteiro ou Teresa Portela", exemplificou, para sinalar que "elas son un exemplo que abre camiño para todas as que veñen detrás e desde a política hai que estar á altura". "Queremos igualdade no deporte e querémola xa", salientou.
Neste sentido, Pontón incidiu en que "grazas ao empeño das mulleres" logrouse "romper con moitos estereotipos", tanto "nese ámbito como no deporte". "E aínda que avancemos moito no ámbito deportivo, claramente falta perspectiva de xénero", salientou a líder do Bloque, quen subliñou que é hora de trasladar o "acabouse" ás medidas políticas e compasar as leis ao que xa está na rúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.