Autorizada a licitación das obras para a ampliación e remodelación da estación de Ourense

O Consello de Ministros autorizou a ampliación despois da actualización do orzamento de investimento, derivado do incremento rexistrado nalgúns materiais, como é o caso dos prefabricados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2023 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros autorizou este martes ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif Alta Velocidade, as obras de ampliación e remodelación da estación de Ourense, cun valor estimado de 134,8 millóns de euros.

Nun comunicado, o Mitma explica que a actuación transformará a estación de Ourense, triplicando o espazo para viaxeiros e dotándoa de 11 vías, das cales tres delas estarán destinadas á alta velocidade.

A nova estación, engade, converterase "nun nodo da mobilidade sustentable e intermodal no noroeste do país, para responder o incremento de tráfico asociado á liberalización e á modernización da liña de Monforte de Lemos e Lugo".

O Ministerio sinala, ademais, que "preservará e porá en valor" o edificio da estación e os seus elementos históricos, como son os murais do vestíbulo, e "promoverá a integración do ferrocarril na cidade e a súa permeabilidade, xerando un novo espazo urbano para os cidadáns".

A licitación autorízase tras a actualización do orzamento de investimento, derivado do incremento rexistrado nalgúns materiais, como é o caso dos prefabricados. Para a súa aprobación, o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade procedeu a desistir do proceso de contratación iniciado e a aprobar, suxeita á autorización do Consello de Ministros, unha nova licitación.

CONVENIO

O proxecto enmárcase no convenio subscrito entre Mitma, Adif Alta Velocidade (Adif AV), a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, que axunta estación ferroviaria e terminal de autobuses nun mesmo ámbito.

Mitma, a través de Adif AV, acometerá a remodelación da estación ferroviaria e a permeabilidade do ferrocarril, mentres que a Xunta desenvolverá e financiará a terminal de autobuses e o Concello cederá terreos e realizará as modificacións do plan de ordenación municipal para adaptalo ás actuacións, puntualiza o Executivo.

Sobre esta actuación, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou o "incremento de 4,8 millóns" no investimento "para definir xa o que vai ser a propia integración, do cubrimiento das vías na propia intermodal e as obras que van afectar o edificio da estación e os seus elementos históricos".

"Facendo da intermodal de Ourense un nó de comunicación dos máis importantes do noroeste de España", sinalou o subdelegado que considerou que será unha licitación "inmediata". "Posiblemente en datas próximas xa o inicio do que van ser a obra definitiva da intermodal", engadiu.

A actuación transformará a estación de Ourense, triplicando o espazo para viaxeiros e dotándoa de 11 vías, das cales tres delas estarán destinadas á alta velocidade. MITMA
A actuación transformará a estación de Ourense, triplicando o espazo para viaxeiros e dotándoa de 11 vías, das cales tres delas estarán destinadas á alta velocidade. MITMA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta