Novo curso, novas oportunidades

No mes de setembro abríronse as portas das aulas para máis de 311.000 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato. Un novo curso, cheo de oportunidades, no que a Xunta aposta por acadar novos fitos no ensino galego, facendo fincapé no benestar da comunidade educativa e nos retos aos que se enfronta o ensino do século XXI.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/10/2023 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

Unha política educativa desenvolvida desde unha perspectiva integral, que reforce o modelo educativo propio de Galicia, cuxos resultados están avalados por informes internacionais como PISA, á par que se continúa blindando a equidade e a igualdade de oportunidades, categorías nas que tamén destaca a nosa Comunidade no devandito informe.

Alumnos atendendo nunha clase
Alumnos atendendo nunha clase

O curso 2023/24 será tamén o curso no que o sistema educativo avance na súa dixitalización, con máis equipamento e co impulso do novo proxecto EdugalIA, de emprego da intelixencia artificial para a xestión educativa, e no que se afiancen programas xa clásicos, como o plurilingüismo ou as iniciativas que levaron ás bibliotecas escolares galegas a ser referentes a nivel nacional. Tamén se potenciarán novas liñas de traballo vertebrais, por exemplo intensificando a aposta polo medio rural, reforzando a perspectiva de Galicia como distrito educativo único.

Docentes, a clave do sistema

Un ano máis, o profesorado volve ser a clave de bóveda de todo o sistema. Para seguir mellorando as súas condicións, a Xunta continúa traballando en prol da súa formación e da renovación e estabilización do cadro docente. Contando xa cunha das mellores rateos profesor/alumno de España e as taxas máis baixas de interinidade, este verán rematou un proceso de ingreso e estabilización do profesorado de 4000 prazas entre os anos 2022 e 2023.

En 2024 o Goberno galego convocará unha nova Oferta de Emprego Público de reposición para seguir apostando polos docentes, que contará cun número de prazas semellante ao de anos anteriores.

Inclusión como marca de identidade

O sistema educativo galego é, ano tras ano, o máis inclusivo de España segundo os datos do Ministerio de Educación, unha marca de identidade na que Galicia leva anos destacando, á cabeza de España. Apoiado por unha rede de atención á diversidade con arredor de 4.000 profesionais, vivirá un novo impulso este curso a través da nova estratexia de inclusión, prevista para o último trimestre de 2023.

Así mesmo continuarase avanzando nas políticas públicas en prol dunha mellor convivencia escolar, coa publicación dun Plan integral contra o acoso e o ciberacoso. Non en balde, o ensino galego ten entre as súas liñas prioritarias que non exista ningún tipo de discriminación nin por xénero, nin por necesidades educativas nin por ningunha outra diferenza, buscando sempre a integración de todas as persoas e, por suposto, daqueles estudantes que chegan novos a Galicia.

Ademais, vén de elaborarse unha nova guía que mellora, amplía e contextualizada o Plan de Benestar Emocional, facilitando a súa aplicación nos centros educativos. No ámbito da igualdade, a través da Estratexia galega de convivencia escolar 2025, os centros están xa aplicando medidas con éxito.

Proxecto pioneiro na dixitalización da xestión

O desenvolvemento tecnolóxico e a dixitalización non son un fin en si mesmos, senón un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe. Neste sentido, vaise avanzar na aplicación de novas metodoloxías didácticas e na formación de docentes e alumnos para o uso responsable e axeitado das novas tecnoloxías e de ferramentas como a intelixencia artificial. De feito, Galicia conta xa con materias específicas neste eido, en concreto a materia de Intelixencia artificial para a sociedade (en 4º de ESO) e a de Tecnoloxías intelixentes (en 1º de Bacharelato). 

Ademais, o proxecto pioneiro EdugalIA vai converter a Galicia na primeira Comunidade en aplicar a intelixencia artificial no eido da dixitalización da xestión administrativa educativa. Entre outras cousas, a iniciativa permitirá crear un expediente dixital do alumno, itinerarios personalizados e un punto de acceso e comunicación único entre todos os membros da comunidade educativa.

84M€ en equipamento

A maiores, estase facendo moito fincapé no fomento das capacidades que permitan aos alumnos adiantarse, enfrontar as novas necesidades dun xeito solvente e creativo. Neste sentido, progresivamente despregaranse os Polos Creativos no 100% dos centros educativos galegos, analizado o bo resultado desta experiencia o curso pasado. Isto vai supoñer que máis de 1.200 centros educativos van contar con este programa, cunha dotación de máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática.

Así mesmo, ao longo de 2024 instalaranse en todos os centros de Primaria as novas Aulas Móbiles de Informática, un conxunto de ordenadores portátiles, con carro de carga incorporado, que pode desprazarse a calquera aula do centro para convertela nunha aula dixitalizada. Ademais, distribúense 14.026 paneis interactivos, para que o 100% das aulas de Galicia conten con este equipamento. Estas tres liñas de dotación de novas tecnoloxías supoñen un investimento de 84M€.

Apoio ás familias

Estes equipamentos son un garante para que calquera alumno galego teña acceso a este tipo de ferramentas no seu centro en igualdade de oportunidade, independentemente das súas circunstancias socioeconómicas. En paralelo, e no contexto de elevada inflación, as familias contan cun escudo social constituído polos programas de libros de texto, material, comedor e transporte escolar. 

Para este curso reforzouse a convocatoria de axudas á compra de material escolar, consolidando o incremento para as familias con menos recursos postas en marcha en 2022 e ampliando esta medida para todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€. En total 130.000 alumnos recibirán vales para material, un 40% máis. Ademais, as axudas para a compra de libros experimentan unha suba xeneralizada e as familias que usan o Fondo Solidario de Libros poden obter case a totalidade de balde. Deste xeito, a Xunta inviste o dobre que antes da pandemia neste fin. A maiores, un total de 64.200 alumnos estudarán con libro electrónico gratuíto no curso 2023/24.

No que atinxe aos comedores, o investimento de Galicia (arredor de 50M€) supón o 10% de toda España malia ter unha poboación inferior ao 6%. O servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asumibles para as familias de todo o Estado e beneficia a máis de 70.000 alumnos. Así mesmo, Galicia inviste cada ano preto de 120M€ para que o alumnado goce dun servizo totalmente gratuíto de transporte escolar. Isto supón que Galicia concentre máis do 20% do gasto en transporte escolar de toda España. Dáse servicio a arredor de 80.000 alumnos. Cada día de curso, a Xunta inviste 1M€ en prestar o servizo de transporte e comedor escolar, o que dá conta da súa magnitude. 

En conxunto, son medidas que aforran máis de 100M€ ás familias galegas, máis de 200M€ se se contabiliza tamén o transporte. 

Ademais, a Universidade leva xa 13 os anos con taxas conxeladas, o que supón un aforro de entre 16 e 20 millóns de euros ás familias galegas cada ano. Galicia foi pioneira nesta política de contención que agora replican outras comunidades. 

FP e Universidade

A FP galega, unha das apostas máis fortes dos últimos anos para enganchar aos rapaces ao sistema educativo cunhas ensinanzas que acadan o 100% de inserción laboral na modalidade dual, marcou este ano novos fitos. Por unha banda, co maior oferta da historia, por outra, cun novo récord de matriculados, máis de 64.500.

No eido universitario, ao abeiro da coordinación do mapa de titulacións, continúan implantándose novos graos e másteres, titulacións centradas nas novas necesidades do tecido produtivo e que se adiantan ás profesións que se van necesitar no futuro. Ademais, universidades públicas galegas contan cun plan de financiamento plurianual estable, excepcional entre as comunidades autónomas, que mantén unha base estrutural e incentiva o financiamento por resultados e a rendición de contas á sociedade. A isto engádese un novo plan de grandes infraestruturas e a aposta pola investigación universitaria, cunha rede de centros de excelencia onde traballan uns 1500 investigadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta