Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 13:22
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en cotos cara a tempada 2024. Como en anos anteriores, realizáronse dous por provincia, un para os permisos de salmón e outros para os restantes tipos de permisos, entre os que se inclúen os da troita, reo, pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior. A data prevista para a realización do sorteo é o 28 de novembro.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e o prazo permanecerá aberto ata o próximo 27 de outubro ás 24.00 horas. Desta forma, o 7 de novembro publicaranse as listas provisións coas persoas excluídas e admitidas no proceso e o 21 dese mesmo mes sairán as definitivas.
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. De forma opcional, tamén se poderán presentar as solicitudes en papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei do procedemento administrativo.
Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos. Os resultados poderán consultarse na web de pesca fluvial e nos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Cada solicitante deberá consultar na páxina mencionada o día e rango horario no que lle corresponderá escoller os permisos.
ELECCIÓN DE PERMISOS
Na fase de elección dos permisos, os solicitantes poderán optar a participar empregando a vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento. No prazo de cinco días naturais, desde a última data de elección, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente.
Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, poderá xustificar o seu pago mediante envío por correo electrónico da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado. Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian a súa participación na fase de elección, e non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática durante o resto da tempada de pesca, salvo circunstancia de forza maior documentalmente acreditadas.
INFORMACIÓN E EXPEDICIÓN
Nas oficinas provinciais de Patrimonio Natural, manteranse os servizos de información e expedición de permisos. O regulamento de pesca continental establece que se sortearán entre os pescasores que así o soliciten os permisos sobrantes, despois de adxudicar aqueles reservados para turismo, concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras. Finalmente, a Xunta lembra que na anterior tempada de pesca tramitáronse un total de 1.718 solicitudes de pescadores para participar no sorteo e foron adxudicados 5.645 permisos para a pesca en cotos de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.