Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/10/2023 | Actualizada ás 18:58
Un total de 50 persoas participaron entre o luns e este xoves na parte práctica e presencial do curso formativo gratuíto que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A actividade, impulsada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten como fin ofrecer ás persoas interesadas a formación necesaria para poder exercer adecuadamente o labor de guía neste espazo natural.
Así, está enfocada en dar aos participantes as ferramentas técnicas e as bases conceptuais imprescindibles para poder desenvolver accións didácticas e de dinamización de grupos, apunta a Xunta. Todas estas persoas xa superaran unha fase teórica, iniciada o pasado 17 de abril. Esta parte expositiva contou con máis de 70 horas de instrución en liña, incluíndo materiais de apoio, autoevaluacións, exercicios prácticos e todos os recursos necesarios para desenvolver adecuadamente a función para a que se lles prepara.
Unha vez afianzados os coñecementos teóricos, o alumnado tivo ocasión de aplicar o aprendido en situacións reais nun período práctico que se estendeu desde o pasado luns ata este xoves. Cunha duración total de 30 horas e baixo a supervisión de persoal técnico do Parque Nacional, esta parte da formación desenvolveuse presencialmente nas illas de Cíes, Ons e Cortegada.
As persoas inscritas no curso supoñen só unha parte do total de solicitudes recibidas (180 para as 50 prazas ofertadas) e entre elas existe unha gran variedade de perfís profesionais, aínda que a maioría desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado, de forma directa ou indirecta, co sector turístico da área de influencia das Illas Atlánticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.