Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 19:36
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, informou de que os municipios Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade beneficiáronse de partidas por 13,5 millóns de euros do fondo especial de fusións no período entre 2016 e 2023, destinado a entidades locais que comparten servizos públicos.
Nunha intervención no Parlamento, a directora xeral expuxo que o Goberno galego pretende seguir promovendo a unión de concellos. Lembra que iniciou un estudo, no marco dun convenio coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades, que analiza as experiencias dos concellos Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, a situación anterior e posterior ás fusións, a súa repercusión económica e a calidade dos servizos prestados aos veciños.
O convenio incluíu unha enquisa a un milleiro de galegos para coñecer a súa opinión sobre as fusións. As primeiras conclusións mostran que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83 %), á vez que considera que a redución do número de municipios melloraría a súa capacidade de prestación de servizos. A pesar de que as porcentaxes diminúen cando a pregunta se fai sobre o propio concello, neste caso máis da metade da poboación (un 56 %) estaría a favor da fusión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.