Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/10/2023 | Actualizada ás 10:24
O xornalista e ilustrador ambiental galego Juan López Rico -López- (Ribadeo, Lugo, 1955) foi galardoado nos III Premios Orange de Xornalismo e Sustentabilidade na categoria de novos formatos polas súas viñetas ambientais publicadas na bitácora 'Viva a bagatela' en http://www.efeverde.com da Axencia EFE.
López, que desde hai anos encargase tamén da sección 'A viñeta de López' no Galicia Confidencial, gañou na categoría de novos formatos, mentres que Patricia Ruiz Guevara de Maldita resultou elixida na de medios escritos pola súa reportaxe 'A reciclaxe dos residuos que deixa a transición enerxética? en @RevistaRETEMAy Blanca Frade Turrión de Castela e León Televisión na categoría de audiovisuais por 'Todo Vale: Alimentación e desperdicio alimentario' . Ao certámen concorreron máis de 130 traballos.
Os Premios Orange de Xornalismo e Sustentabilidade están dotados con 8.000 euros en cada unha das súas tres categorías e teñen como obxectivo recoñecer os mellores materiais de divulgación relacionados co desenvolvemento sustentable, como ferramenta de inclusión ao servizo das persoas para mellorar as súas vidas e contorna.
López, que non puido asistir á entrega por compromisos previos, expresou a EFE en conversación telefónica a súa satisfacción polo recoñecemento dun traballo que comezou como unha afección e que foi cobrando máis peso na súa actividade informativa. "En certo xeito, o meu traballo supón tamén un grao de area para loitar contra a crise climática, unha tarefa imprescindible se queremos seguir vivindo neste planeta", sinalou o xornalista, que agradeceu a confianza de EFEverde e o traballo da súa editora en Silsania Books, Cristina Benito, por crer na súa obra para publicar o seu primeiro libro de viñetas ambientais.
UNHA LONGA TRAXECTORIA
Como xornalista, López Rico desenvolveu todo o seu labor profesional, até a súa xubilación, na Axencia EFE, da que foi delegado en Galicia durante oito anos e coa que segue colaborando en EFEverde. Afeccionado a debuxar, comezou a publicar as súas viñetas en El Correo Galego a mediados dos anos oitenta do pasado século. Desde entón colaborou como humorista gráfico en diversos medios, impresos e dixitais, como Galicia Hoxe, Galegos, Longa Lingua, EFEverde ou Galicia Confidencial.
É autor de diversos libros de ilustración, entre eles 'Houston, tedes un problema!', editado por Silsania Books e que recompila algunhas das súas mellores viñetas ambientais.
Desde a redacción do Galicia Confidencial dámoslle a noraboa e agradecemos o seu incansable traballo a prol dunha actualidade diferente, crítica e necesaria nos tempos que corren.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.