Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2023 | Actualizada ás 14:09
O VIII Xornada de Onomástica Galega, que se celebrará o próximo 21 de outubro en Pontevedra, explorará o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestará nesta ocasión atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancionero, e terá tamén en conta outros xéneros.
Haberá ademais tempo para coñecer experiencias desde o mundo educativo relacionadas co tema da xornada, que concluirá cunha actuación musical de Tralo-Valo.
As sesións desenvolveranse en horario de mañá e tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. As persoas que desexen seguilas presencialmente deben inscribirse enviando un correo electrónico, antes do 18 de outubro, a publicacions@academia.gal. O programa poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
Tal e como detallou a entidade nunha nota de prensa, a través da cultura popular, a cita permitirá profundar na relación da onomástica coa oralidade.
"O eixo central, nesta ocasión, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincracia tamén en canto á comunicación, á complicidade e aos sobreentendidos que nos unen como pobo", explicou a académica Luz Méndez, unha das coordinadoras da xornada.
SESIÓNS
Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancionero centrarán o tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Branco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente.
A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a mirada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.
Pola tarde, celebrarase un relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do cognomentum (alcumes, sobrenomes, nomes familiares...) na Galicia altomedieval e, a continuación, será a quenda cunha contribución desde o mundo da didáctica de lamano da cantora, improvisadora e filóloga Alba María.
A tarde finalizará cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Arial Ninas na zanfona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.