A UE protexerá a artesanía con indicación xeográfica como xa fai con viños e alimentos

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 09/10/2023 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

Os Vinte e sete deron este luns o seu visto e prace final ao acordo entre institucións para protexer cun marco baseado en indicacións xeográficas aqueles produtos artesanais ou industriais que, pola singularidade da súa orixe e produción, deban ser protexidos como marca dentro da Unión Europea e nos acordos comerciais con países terceiros, seguindo o modelo que o bloque xa aplica desde hai décadas á agroalimentación, os viños e os licores.

Agora que o Consello aprobou o acordo que xa foi referendado no pleno de setembro polo Parlamento Europeo, as novas regras entrarán en vigor 20 días despois da súa publicación no Diario Oficial da UE, aínda que os países terán un prazo de dous anos para trasladar a reforma ao seu ordenamento xurídico.

Ao presentar a proposta de novas normas, a Comisión Europea estimou que o novo marco dará cobertura a preto de 800 produtos, como o cristal de Murano ou a porcelana de Limoges, e España sería o país máis beneficiado con máis de 200 artigos, por exemplo a coitelería de Albacete, o calzado producido en Elxe, a cerámica de Manises ou a pel de Ubrique.

O produto que aspire á protección europea deberá cumprir tres criterios precisos: ser orixinario dun lugar ou rexión específicos, que a súa calidade, reputación ou características sexan singulares da súa orixe xeográfica e que polo menos un dos pasos do proceso de produción se realicen na zona xeográfica definida.

Artesanía de Galicia
Artesanía de Galicia | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta