Feijóo e Besteiro, os grandes protagonistas dun debate galego que sabe a Cataluña e Madrid

Rueda asume o argumentario do PP sobre os "perigos" de Cataluña nun debate no que Besteiro lle roubou o protagonismo inicial ao anunciar a súa candidatura a liderar o PSdeG. As eleccións galegas, no telón de fondo, cunha Pontón que volve insistir en que o BNG é o protagonista do "cambio imparable" na Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Cataluña e Madrid, Madrid e Cataluña. Unha e outra vez a axenda galega queda asoballada no medio de asuntos, temas e reivindicacións que pouco ou nada teñen que ver co que lle interesa aos galegos. Xa lle acontecía a Feijóo nos seus últimos anos de presidente galego cando estaba máis pendente da Moncloa que de San Caetano, e volve pasar o mesmo co seu sucesor, Alfonso Rueda, moi condicionado pola axenda do seu líder en Madrid.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante o debate sobre o estado do país / Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante o debate sobre o estado do país / Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press

E é que o presidente da Xunta comezou e rematou o discurso político máis importante do ano, o do Debate do Estado de Galicia, falando de Cataluña e de Madrid. Porque, como repetiu en varias ocasións, o que pide Cataluña, condiciona o que que quere o seu partido en Madrid e tamén en Galicia. Rueda volveu manexar o argumentario que o seu líder e predecesor, agora líder do PP, Alberto Núñez Feijóo usa na capital español, e criticou, desde Galicia, o que quere facer --que aínda non fixo, nin se sabe se vai facer-- Pedro Sánchez para conseguir o apoio dos cataláns na súa investidura. 

MÁIS DEBATE DE INVESTIDURA DE MADRID QUE DE GALICIA

As recriminacións ás negociacións do Partido Socialista coas forzas independentistas de cara á conformación dun goberno do Estado estiveron presentes con forza no discurso que pronunciou este luns o presidente galego. Na que é a súa primeira intervención nun debate de política xeral, Rueda mostrouse moi crítico coas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez ao considerar que pon en risco a "equidade" entre os territorios do Estado.

E utilizou o argumento que o PP usa en Madrid para aplicalo en Galicia. "A España e Galicia dos nosos fillos e netos non poden ser lugares asimétricos", dixo. "Un goberno, ou máis ben, un presidente non poden gañar unha prórroga duns meses ou uns anos á conta de sacrificar o máis elemental principio de igualdade entre todos os cidadáns", dixo.

E, como fai Feijóo en Madrid, e outros líderes autonómicos populares que tamén copian este discurso remitido desde Génova, denunciou que un suposto perdón á débeda de Cataluña ou a amnistía a políticos pola súa participación no 'procés' ten "unha consecuencia clara e directa" na situación de Galicia. "Os intereses individuais non poden prevalecer sobre os xenerais. Quitarlles a uns para darlles a outros non é ser xenerosos", sentenciou.

Todo iso nun debate que o máximo mandatario galego abriu e pechou cunha defensa da "estabilidade" do seu goberno e destacando a "lealdade" Galicia co resto de España. "A estabilidade, a lealdade co resto de España e a xestión responsable permítenos exercer o autogoberno con forza política, con autonomía financeira e con autoridade moral para defender aqueles en o que cremos e denunciar o que consideramos incorrecto", sostivo.

BESTEIRO E O PSdeG

Ademais dunha sesión na que Feijóo, aínda que de xeito indirecto, estivo moi presente, tamén o estivo, e físicamente, o que foi ex secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. O agora deputado en Cortes quixo roubarlle o protagonismo inicial a Rueda anunciando, minutos antes da súa intervención e nos corredores do propio Parlamento galego, que concorrerá ás primarias para ser o próximo candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia.

Fontes socialistas, e mesmo o presidente galego, xa daban por feito que Besteiro ía ser a aposta do PSdeG para competir con Rueda. Sabiase o que pero non o cando dese anuncio. Un anuncio que Besteiro decidiu facer a primeira hora deste luns para escurecer, en parte, o primeiro gran discurso político de quen será o seu principal rival politico nas vindeiras eleccións galegas.

O socialista dixo que asume esta decisión "con gran orgullo" e "satisfacción" e avanzou que proximamente escenificará "o proxecto de partido socialista" que propón, tanto para "satisfacer" aos militantes como para enviar "unha mensaxe" a Galicia sobre "a posibilidade de cambio".

E PONTON, O "CAMBIO IMPARABLE"

De feito, esas eleccións que tocan para o verán de 2024, pero que pode ser que se celebren na primavera, estiveron tamén en boca da oposición. E se Besteiro anunciou que con el chega un cambio a Galicia, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vaticinou que será ela a protagonista dese "cambio imparable" na Xunta que, di, chegará nas próximas eleccións galegas.

Un cambio, dixo, que permitirá facer "unha Galicia en grande" tras anos de "trituradora" de gobernos do Partido Popular en servizos sociais, demografía, industria, emprego ciencia ou de lingua galega.

Pontón expresou o seu desexo de liderar desde San Caetano a esa "Galicia imparable" que "xa está en marcha" e aproveitou o seu discurso para minimizar o papel de Rueda, un "presidente accidentel" que pensa "nunha Galicia en pequeno" e que deixa como "legado" os anos de Alberto Núñez Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta