Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2023 | Actualizada ás 18:54
Propietarios de terreos situados nas Fragas do Eume reclamaron este mércores ante o Parlamento de Galicia, onde se celebra o debate sobre o estado da autonomía, compensacións á Xunta polas "limitacións" que teñen as súas leiras por estar situadas en espazos protexidos.
Así o trasladaron a Europa Press tanto Ángeles Pita, da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento; como Vicente Sanmartín e José Luís Piñeiro, da entidade Unión da propiedade para a defensa da Fraga do Eume.
Precisamente, José Luís Piñeiro lembrou que desde a aprobación do primeiro Plan reitor de uso e xestión (PRUX) no ano 1996 "o único" que teñen son "limitacións" e "nada de compensacións". Ademais, sostivo que o novo plan aprobado e que reforma o de 1996 foi aprobado sen "consenso".
"Hai zonas nas que non se pode facer absolutamente nada", dixo para incidir en que "todo son limitacións e, de compensacións, nada", "É unha expropiación encuberta".
Así as cousas, Ángeles Pita reclamou que se poida vender. "Pedimos que o que queira vender, que venda, porque é unha propiedade privada", afirmou para sinalar que á xente que "non queira", os compensen. Ademais, lembrou que os territorios pertencen á Rede Natura, á que a Unión Europea destina "cantidades importantes" de fondos.
"Se queren ter o parque, non temos inconveniente, pero que non sexa á nosa costa", afirmou para asegurar que tampouco están dispostos a "regalar o terreo".
E é que os propietarios censuraron que a Xunta pretenda adquirir as leiras a un prezo de 0,60 euros o metro cadrado. "É unha miseria", sinalaron para criticar tamén que non se teña en conta o valor das árbores que hai en cada un destes terreos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.