Nos últimos tempos teño coñecido casos de rapaces e rapazas de amplas e diversas traxectorias, ás veces con currículos de primeiro nivel na súa especialidade que, a pesares diso, renuncian a posibles posicións ou ao que podería ser un pulo para o seu futuro, supeditándoo a outro tipo de valores, crenzas ou praxe. Persoas que, no ámbito da matemática, da física, da enxeñería ou mesmo das ciencias sociais, non queren facer súa a máxima dun crecemento a calquera prezo. E, moi particularmente, tampouco dunha suba nos seus emolumentos sen outro tipo de consideracións. É que traballar para gloria dunha multinacional na que es só un número pode ser moi apetecible... ou non, segundo sexa cada un e cal sexa o seu momento vital. Algúns deles teñen como prioridade vivir en Galicia, a súa terra de nacemento, por enriba de calquera outra cousa, e máis en concreto nunha aldea ou nunha vila moi pequena. E chegan a tal consideración despois dunha peregrinación por distintos países e polas grandes cidades de España, ás veces en centros punteiros pero querendo facer algo diferente. Algo máis simple e centrado no seu propio proxecto vital. Algo que lles sirva e que lles dea paz e ilusión, valores que hai persoas que queren ter sempre cerca deles.
Paralelamente a isto, outro fenómeno que me foi tocando de cerca nos últimos tempos é ver como as vidas de diferentes persoas, algunhas delas seres moi queridos e apegados a min, chegaron ao seu fin. E, nese proceso, sempre ten sido o caso de que os cartos nas súas contas correntes sobrevivíronlles ben. Quero dicir con isto que sempre foron máis os cartos que o tempo do que dispuxeron, co cal queda bastante claro que son moitas as veces nas que os devezos por ter máis ben poderían ser tido máis contidos, poñéndoos por debaixo doutras prioridades e inquedanzas. E conste que non me refiro a persoas especialmente adiñeiradas, senón a xente traballadora, cunha traxectoria estable, que ao cabo dun tempo puideron consolidar algún patrimonio. Un capital que, despois de moitos desvelos, case nunca puideron desfrutar.
Asisto tamén nesta época, e non sen certa perplexidade, a unha renuncia masiva vía xubilación de profesionais nun momento bo, e no que poderían aportar moito á sociedade. É o caso, por exemplo, de moito profesorado de ensino non universitario, da ESO e o Bacharelato. Sobre todo daqueles que, con sesenta ou sesenta e un anos, poden irse por pertenceren a aquelas “clases pasivas” que tiñan tal oportunidade. É evidente que, no caso deste colectivo hai causas obxectivas que levan a moita xente moi válida a optar por tal decisión, cunha evidente perda para a sociedade. Pero, falando de traballadores máis en xeral, vemos que hoxe o “traballo para toda a vida” tal e como era entendido en épocas pretéritas está, dalgunha maneira, en revisión. Hai unha certa relaxación do medo de quedar descolgado paralelo á evolución a un carácter menos protector e máis utilitarista por parte da empresa, aínda que a pantasma de que iso nos aconteza segue aí e é moi real, en tempos de forte exclusión por razón de idade no mercado de traballo.
Con todo isto e máis cousas, estou a reflexionar estes días, mirando ao mar e sentado en calquera rocha ollando unha paisaxe feiticeira, sobre o sentido da vida no ámbito laboral. É verdadeiramente necesario vender o teu traballo ou deseñar e lanzar a túa proposta á sociedade, segundo sexa o caso, durante todos os anos do núcleo duro da túa época máis creativa, produtiva e fértil? Pois a verdade é que non o sei. E que, por suposto, esta é unha cuestión moi de cada un, tendo en conta que é o individuo o que ten o dereito e a obriga de planificar a súa vida e tomar as decisións que lle parezan oportunas, non si? Pero non perciben vostedes tal fenómeno de renuncia, e de poñer máis o foco no que verdadeiramente lle interesa á persoa, por riba dun posible ouropel que, dalgunha maneira, empeza a ser considerado “demodé”?
Eu teño claro que si que estamos nunha forte tendencia, por parte de individuos de xeracións en torno aos trinta ou trinta e poucos anos agora, ou incluso de menor idade, de busca do persoalmente aceptable e dalgunha maneira asumible. Coñezo a enxeñeiros que renunciaron a moito por estar cerca dos seus e no seu entorno. Ou a algúns bolseiros de investigación que non quixeron seguir nun periplo infinito polo estranxeiro, e que fan de Galicia a súa aposta persoal, malia as dificultades e a escaseza de oportunidades. E sei de varios profesionais que vendían a súa alma ao diaño en xornadas que nunca remataban por un consolidado posto nunha empresa de altos vós e maior competencia aínda e que o deixaron por vontade persoal, querendo unha vida máis sinxela, máis tranquila e, sobre todo, moito máis propia... É complicado. E eu, desde logo, non teño unha opinión pechada ao cen por cen de onde está o punto de equilibrio entre o que anhelamos e aquilo que é posible, pero entendo que ninguén debe renunciar aos seus propios sonos nin ao propio compás -persoal e intransferible- que é o que definitivamente debe marcarnos o rumbo nesta existencia efémera e na que tamén hai tormentas e naufraxios, e onde é fácil volver ao punto de saída ou, directamente, ao “game over”.
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”