Foi na Coruña onde xurdiu a primeira resposta nada da cidadanía (a Marea Atlántica) e á que seis partidos, quer galeguistas, quer estatais déronlle o seu explícito apoio, mais que xurdía como resposta cívica, galega e coruñesa . O mesmo ocorreu meses despois en Lugo con Lugonovo e en Santiago coa Compostela Aberta. O manifesto Somos Maioría fixo posíbel outros instrumentos análogos con diferentes graos de éxito, en Sada, Cambados ou Gondomar. Tamén Ames, Culleredo, Pobra do Caramiñal e Noia deron pé a marés municipalistas dende unha concepción galega e cívica. Mentres, en lugares como en Ribadeo ou Pontevedra, candidaturas máis improvisadas e menos plurais bateron contra proxectos representados por alcaldes galeguistas solidamente arraizados na cidadanía, como en Pontevedra ou Ribadeo.
Estes meses viron tamén o nacemente da plataforma “Somos Nós”, que non operará en clave local e partidaria, senón galega e social e que xa anunciou a súa proposta de rebeldía cidadá fronte á secundarización de Galicia na nova escea política, advertindo que moitos dos problemas de Galicia non han ser vistos en perspectiva de clase, senón territorial e precisan de solucións de noso.
O propio líder de Podemos, Pablo Iglesias, recoñeceu este día a singularidade do espazo político galego, mentres Anova, Compromiso por Galicia e o BNG, con matices diversos, veñen de chamar por unha candidatura galega común e plural para as vindeiras eleccións xerais.
Os partidos e,nomeadamente, os axentes cidadáns semellan ser quén a construir un relato galego para dar solucións aos problemas da rexeneración democrática, da reactivación económica e do mantemento do Estado do Benestar con centro de decisión no País. O galeguismo, entendido máis na súa vertente cívica ca identitaria, non pode ficar á marxe, senón que habería ser parte esencial dese relato.