Sanmartín sobre os orzamentos para Santiago: "Son decepcionantes e non específicos para a cidade"

Cre que hai proxectos "positivos", como o centro de atención a mulleres vítimas de agresións sexuais, pero son "para o conxunto do país".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 23/10/2023 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cualificou de "decepcionantes" os orzamentos da Xunta para a capital galega e critica que non sexan "específicos", senón que son "para o conxunto do país".

"A Xunta computa no global, coma se fosen partidas para Santiago, partidas que son para edificios administrativos, que son para todo o país, ou para instalacións sanitarias, que tampouco son única e exclusivamente para Santiago", lamentou.

En rolda de prensa este luns, a rexedora compostelá sinalou que partidas como as do centro de protonterapia ou o centro de crise para atender a mulleres vítimas de violencia de xénero son "positivas", pero "non son específicas" para Santiago.

CONSORCIO

Ademais, criticou que a partida para o Consorcio siga sendo "a mesma que en anteriores anualidades", unha cantidade que considera "insuficiente para emprender investimentos innovadores".

Neste sentido, reprochou que había "un compromiso" da Xunta de revisar esta contía e avanzou que desde o Concello tentarán "desatascala", xa que, tal e como apuntou, entre outras cousas, existe unha necesidade de "abordar obras dentro do Palacio de Congresos, ademais da cuberta", que cre que se poderán facer "a partir de partidas xenéricas".

Con todo, a alcaldesa compostelá lamentou o "partido de tenis" entre o Goberno central e a Xunta para aumentar a cantidade achegada ao Consorcio. "O Estado di si, se sobe a Xunta; a Xunta di si, se sobe o Estado", exemplificou. Por iso, Sanmartín cre que sería unha "mostra de boa vontade" que a Xunta dea o paso e diga: "Eu empezo e poño esta cantidade encima da mesa".

CAPITALIDADE

Sobre a capitalidade, Sanmartín explicou que o presidente da Xunta non se comprometeu a aumentala polo momento, senón a "estudala", pero o Goberno local reclamaba que se convocase a comisión da capitalidade "antes dos orzamentos". Agora, a alcaldesa cre que a administración autonómica "está a tempo" de realizar modificacións antes da aprobación definitiva das contas e que se recoñeza, deste xeito, "o compromiso cos veciños de Santiago". "O que nestes momentos consígnase non cobre o 30 % dos custos reais, segundo as nosas estimacións", argumentou.

Tamén botou en falta a nacionalista que non se recolla ningunha partida relacionada co aparcadoiro do Hospital Clínico. Para Sanmartín, "dá a impresión de que se quere que siga igual". En materia de infraestruturas sanitarias, reclamou que en Conxo se necesita un novo centro de saúde e non unha reforma do xa existente nestes momentos.

Relacionado coa vivenda, a rexedora pediu "efectivizar" a construción de vivenda pública, así como "dinamizar a vivenda baleira". Dúas cuestións "importantes que espera desenvolver "nos próximos tempos", sinalando que "o compromiso da Xunta para crear vivenda foi reducidísimo e o normal sería que nesas partidas xenéricas que hai para o país dígase cantas van ser para Santiago".

"En Santiago hai moito máis onde investir que non sexa só a promoción do Camiño de Santiago, senón que o que se faga sexa que haxa partidas que favorezan o noso desenvolvemento socioeconómico, tanto no ámbito urbano como rural. Cremos que está a tempo. Isto é o borrador que se presenta para o debate parlamentario e estou segura de que nese proceso vai haber lugar a modificacións", proclamou.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á súa chegada á tradicional ofrenda ao Apóstolo | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta