Decidirmos nós

A aparente converxencia de todos os axentes políticos galeguistas e outros de decisión estatal nunha plataforma galega para as vindeiras eleccións xerais non agacha certas e importantes diferenzas de criterio. Mentres o BNG defende cinguir o acordo ás forzas e sectores cidadáns non integrados noutras estruturas estatais, Podemos ou EU, maila recoñecer a singularidade do espazo políitico galego, semellan querer supeditar a eventual converxencia galega a un lexítimo proxecto que trascendería Galicia.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/06/2015

Comparte esta noticia
Velaí porque son precisas, para esta caste de procesos, grandes doses de intelixencia e xenerosidade. E porque é preciso o pulo cidadán, a forza da sociedade non encadrada en partidos políticps. ;Mais, tamén, a adhesión de ducias de alcaldes, receptores do claro plebiscito das urnas. Porque, canda o grande éxito da Marea Atlántica coruñesa, Compostela Aberta ou NósPobra, non podemos esquecer que Pontevedra, Ribadeo, Lalín, Carballo, Teo ou mesmo Narón optaron por decisións en clave de partido moi vencelladas á persoa ou á equipa  gañadoras. Galicia é plural e poliédrica na súa expresión política. Descoñecelo e pormos  o piloto automático é un camiño seguro para o fracaso.
 
De certo que a converxencia cara ás estatais non pode caer no erro de excluir ás forzas e persoas que non se consideren nacionalistas ou galeguistas. Na Galicia actúan importantes axentes do cambio que arelan unha fonda remuda das estruturas institucionais e políticas estatais.Mais esa pertenza ou referencia non impide a converxencia, porque en moi grande parte son obxectivos partillados cos galeguistas: transparencia, participación cidadá, loita contra a corrupción ou o afortalamento do Estado do Benestar.
 
Mais o que si constituiría unha liña vermella nesta plataforma de converxencia é o seu centro de decisión na Galicia: decidirmos nós. O que esixe a formación dun grupo parlamentario de noso, independente de calquera outro. Que non quitaría para colaborar con outras forzas estatais, vascas, catalás ou doutros territorios para acadarmos os obxectivos comúns nos eidos da rexeneración democrática, da afirmación dos servizos públicos e da reforma constitucional que amplíe e blinde o noso autogoberno, chave do noso benestar 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.