Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/11/2023 | Actualizada ás 21:00
O imperio romano foi un gran fabricante de todo tipo de obxectos, moitos dos cales chegaron ata os nosos días. Durante unha parte da historia, este pobo empregou a cerámica como material idóneo para a creación de obxectos, pola súa capacidade para substituír eficazmente a materias máis caros como o metal e pola súa beleza decorativa. Dentro das producións en cerámica, a coñecida como 'de paredes finas' foi das máis famosas no século I d. C., e resultaba case sempre na creación dun recipiente coas paredes moi finas (de aí o nome), unha especie de vaso, liso ou decorado, cuberto ou non cun engobe (técnica usada para decorar as pezas cubríndoas dunha mestura de arxila e auga que lle daba como aspecto de plástico), e maioritariamente de cor laranxa, máis ou menos brillante. Chegou este tipo de cerámica a Galicia?
O primeiro é comprender ben como é esta cerámica 'de paredes finas' para sabelo. "É un tipo de cerámica que destaca pola súa heteroxeneidade, unha especie de caixón desastre no que entraron diversas formas ao longo do tempo, e a liña que separa esta cerámica romana dunha imitación é moi fina, tanto como as mesmas paredes finas", explica Verónica del Río Canedo, historiadora e investigadora da Universidade de Santiago (USC), que conta que "dende os anos 80 do século pasado xerouse un debate arredor de que é o que se podía entender por 'paredes finas' e chegouse á conclusión de que para que entren nesta clasificación as cerámicas deben cumprir unha serie de características: o grosor das súas paredes ten que ser inferior aos 5 milímetros; a pasta empregada adoita ser de gran calidade, empregando unha arxila fina e dura; debe contar con tratamento superficial dos engobes, moi ben pulidos na busca por imitar ás pezas metálicas, aínda que exista variedade de tons e as pezas máis antigas non presenten engobes".
Durante a súa poñencia no 'Encontro Novas Investigadoras en Arqueoloxía Romana e Medieval' celebrado esta mesma semana en Santiago, Del Río asegura que, "polo xeral, todos os obxectos creados coa técnica de 'paredes finas' adoitaban ser recipientes para beber ou para almacenar e servir líquidos, como xerras e vasos, aínda que tamén se empregaron para fabricar elementos como furnas, usados en funerais e ritos vinculados á morte". Máis adiante, "o perfeccionamento da técnica deu lugar a un tipo de cerámica 'de paredes finas' máis delgado aínda: as producións de 'cáscara de ovo', así denomidas pola delgadeza extrema das súas paredes". Estas lográbanse cun control do torno perfecto, xirando a gran velocidade, polo que "a perfección que amosan só se logra co dominio do torno rápido". E, como detalla a experta, "as pastas empregadas nela son de moi boa calidade, evitan as burbullas de auga e contan cunha decoración exquisita, comprendendo unha gran variedade de motivos e deseños". Na zona do noroeste, é dicir, en Galicia, atópanse nestas cerámicas aplicacións de caras, gotas de auga e toda unha riqueza decorativa.
Na nosa terra, en concreto, os estudos sobre a cerámica de paredes finas comezan nos anos 90 e vanse vendo algúns tipos como símbolo e elemento de romanización do noroeste. En concreto, realizáronse estudos nos asentamentos romanos de Ciadella (en Sobrado dos Monxes), Viladonga e Iria Flavia. Con todo, para atopar o tempo no que se creou hai que remontarse a ese pasado romano de Galicia, pois a cerámica 'de paredes ffinas' ten unha cronoloxía delimitada: nace en Italia no segundo cuarto do século II a.C., para tratar de asimilarse aos elementos metálicos que se usaban na época. A historiadora da UDC conta que "acadou unha importante popularidade, grazas a que supoñía un descenso do prezo, pois as pezas de cerámica eran moito máis baratas que as metálicas". Dende ese momento houbo unha gran diversificación das formas que proseguiu durante a época do emperador romano Tiberio (42 a.C.-37 d.C.). E nas provincias máis romanizadas, como as subgálicas, vaise trasladando o deseño cara producións cada vez máis especializadas, como mostra de poder económico.
APARICIÓN DE MÚLTIPLES OBRADOIROS POLA EXCESIVA DEMANDA
Polo tanto, "existe unha demanda 'in situ'", afirma Del Río. Ante este escenario, decídese profesionalizar a creación nas zonas nas que se concentra esa demanda. De xeito que, nelas, "xa non se importa, senón que se crean obradoiros propios, suplindo así as necesidades dende a proximidade". E é que, como destaca, "hai que ter en conta que na época o transporte de mercadorías era bastante deficiente e, nel, a cerámica non era, nin moito menos, un elemento prioritario". "A cerámica normalmente era unha carga secundaria que acompañaba a un comercio principal, porque ninguén carga un carro de transporte só con cerámica". Ademais, polo feito de selo, recorda que "a cerámica é fráxil, e adoitaba romper nos longos traxectos, polo que non era un elemento ao que no comercio se lle sacase moito beneficio, sobre todo cando as pezas chegaban rotas". Así que, canto máis próximos estivesen os obradoiros, mellor para o comercio, para o consumidor e para o propio produto.
É na segunda metade do século I cando a produción da cerámica de 'paredes finas' acada o seu máximo esplendor, e as producións que se fabrican nos obradoiros hispánicos substitúen ás foráneas. No século II, con todo, deixará de producirse, porque se verá substituída por outros materiais como o vidro ou a cerámica común, máis desexables e 'de moda' na época posterior. Aínda así, cabe destacar que durante ese século I os centros de produción multiplicáronse por todo Occidente, dende Italia ata Francia, Gran Bretaña e, o que máis nos interesa, a Península Ibérica. En España, os máis temperás aparecen nas illas Baleares e no noroeste a maioría adicábanse ás producións tipo 'Melgar de Tera' (localidade zamorana referente na creación de cerámica). Con todo, como non só había un obradoiro, hai moitos subtipos de cada produción de cerámica fina, pois só na zona noroesta xa había varios obradoiros fornecendo á poboación.
AS MÁIS ABUNDANTES: PEZAS DO TIPO 'MELGAR DE TERA'
Así, como apunta a investigadora da UDC, "para chegar a coñecer o contexto do que está a suceder na época na Galicia romana tes que facer unha análise exhaustiva de todos os seus materiais, ver as pezas no seu conxunto e, nese proceso, as 'paredes finas' teñen o mesmo valor que calquera outro tipo de material para ofrecer datos cronolóxicos, servindo tamén para ver as redes de comercio que chegaban ata os nosos xacementos, contribuíndo á distribución é expansión da Galicia romana". Polo tanto, o que nos vén a indicar o emprego da cerámica de 'paredes finas' é que estes elementos "son usados para satisfacer unhas necesidades propias do novo xeito de vida romano". Desta forma, "esta cerámica non deixa de ser un exemplo máis da romanización da nosa terra, porque chegou para introducirse na vida dos indíxenas da zona", conclúe Del Río.
Con todo, realizar unha análise destas pezas na actualidade non resulta unha tarefa sinxela, pois atopámonos cunha gran fragmentación dos materiais, cuxa fraxilidade no contexto galego aínda se ve máis acusada, con materiais moi deteriorados. Aínda así, co que hai, as principais conclusións ás que chegaron os investigadores foron: en Iria Flavia predomina a forma de 'Melgar de Tera' con moita decoración, destacando moito as imitacións, unhas de pezas de Mérida e outras de pezas locais; na praza de María Pita, na Coruña, tamén se atoparon pezas de tipo 'Melgar de Tera', pero con gran heteroxeneidade de formas; en Cantón Grande, tamén na Coruña, apareceron pezas similares; a Torre de Hércules, pola súa banda, é unha evidencia do tamaño minúsculo no que se poden atopar algunhas destas cerámicas; na Ciadella, en Sobrado dos Monxes, novamente apareceu máis tipo 'Melgar de Tera'; e xa en Lugo aparece un pouco máis de variedade, non só 'Melgar de Tera', senón tamén importacións itálicas, sendo o castro de Cervantes exemplo das marabillas atopadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.