Tranquilidade entre o lecer nocturno galego para o Nadal tras o incendio de Murcia: "Estamos controladísimos"

O Concello de Santiago decretou o 18 de outubro a suspensión da actividade da Malatesta tras a inspección realizada polos técnicos de Urbanismo a raíz do incendio leve.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O sector do lecer nocturno encara a tempada de maior concentración festiva, con Halloween e Nadal como puntas de lanza, "tranquilos" e sen nada "extraordinario" sobre a mesa tras os últimos acontecementos que sacudiron o mundo da noite, co incendio da discoteca Fonda de Murcia e o peche da Sala Malatesta, en Santiago.

Na madrugada do sábado 30 de setembro ao domingo 1 de outubro, dous locais de lecer nocturno do polígono de Atalayas, Teatre e Fonda Milagros, arderon, deixando varios feridos e 13 persoas falecidas.

"Estou seguro de que o 80% ou o 90% dos locais cumpren a normativa", asegura Martín Zarauza, da Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, que insiste ademais no control estrito que leva a cabo desde o Concello, sobre todo respecto das licenzas. "Son bastantes cautelosos", apunta.

Precisamente por iso, sinala que en Galicia, e concretamente en Santiago, "non hai moita problemática". Preguntado polo caso da Sala Malatesta, réstalle importancia e afirma que cando emenden os danos provocados polo incendio, volverá estar en funcionamento.

Da mesma forma expresábase a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que insistía en que o peche non era "definitivo" e debíase ás deficiencias provocadas polo lume que se declarou na sala o sábado 7 de outubro. Insistía ademais en que Malatesta tiña "todo en regra".

O Concello de Santiago decretou o 18 de outubro a suspensión da actividade da Malatesta tras a inspección realizada polos técnicos de Urbanismo a raíz do incendio leve. O suceso provocou a evacuación de decenas de persoas, pero non deixou feridos.

Argumenta Zarauza que, debido precisamente ás inspeccións, prodúcense os peches de locais, como foi o caso da discoteca compostelá clausurada por falta de insonorización e un fallo no cadro eléctrico.

Considera que o de Murcia foi un "caso illado" e recoñece que, ao saltar a noticia, algúns clientes interesáronse pola seguridade e polas inspeccións que pasan os locais. "Pero foi no momento", puntualiza.

O Concello de Santiago, consultado respecto diso, nega que haxa algunha discoteca funcionando sen licenza por motivos de seguridade. "En canto se detecta que algunha non se axusta á licenza, procédese ao seu peche para evitar calquera risco", remarcan.

Explican que se realizan inspeccións en tres casos: por inicio de actividade, cambio de titularidade e por denuncias. "Os peches de establecementos deste tipo prodúcense cando se detectan riscos de seguridade ou de ruídos", sinalan.

O SECTOR ESTÁ "CONTROLADÍSIMO"

Sabela Regueira, da directiva de Clubtura - Asociación Galega de Salas de Música en Vivo, expresábase nos mesmos termos, facendo fincapé na seguridade deste tipo de locais. "Realmente non hai nada novo. Está todo tranquilo. Todos cumpren. Todos van na mesma liña", asevera, especialmente no referido ao control de aforamentos. "Iso está controladísimo", insiste. Con todo, apunta tamén a outras medidas moi importantes e nas que tamén centran a súa atención como a sinalización luminosa, "vital" en caso de emerxencia.

"Telo todo controlado ao final é o mellor para todos. Para nós, por toda a infraestrutura, para os traballadores e para o propio público, que ao final agradece estar tranquilo. É o que buscan, poder gozar sen preocupacións", comenta.

Tampouco ten coñecemento de que se recibiron requirimentos por parte os concellos para inspeccións extraordinarias, como tampouco preparan nada fóra do común para as festas que se aproximan. "A xente está tranquila", conclúe.

Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press
Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta