Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 31/10/2023 | Actualizada ás 10:06
A Garda Civil localizou a un home de 91 anos que permanecía desparecido desde primeira hora da mañá no municipio coruñés de Ortigueira. Os feitos tiveron lugar o pasado domingo, cando ás 21.40 horas a central da Garda Civil recibiu unha chamada para alertar da desaparición dun home de avanzada idade, segundo explica o Instituto Armado.
Unha persoa da súa contorna familiar e que reside fóra da comunidade levaba toda a tarde sen poder comunicarse co desparecido, polo que avisou a un coñecido, que localizou o vehículo do nonaxenario. O coche atopábase coa porta aberta nunha leira situada no lugar da Galiñeira, onde ten cabalos e á que adoita acudir a diario para alimentalos. Con todo, non había rastro do home.
A Garda Civil iniciou un operativo para tratar de dar co paradoiro do nonaxenario que permitiu a súa localización ás 22.15 horas. Atopábase tombado boca arriba sobre unha superficie de barro e auga, como permaneceu durante toda a xornada, na que a zona do norte de Galicia rexistraba un temporal de choiva e vento. O seu estado era consciente, aínda que desorientado e coa roupa encharcada, aínda que non tiña síntomas de hipotermia. Acto seguido, foi trasladado en ambulancia ao hospital de Ferrol Arquitecto Marcide, onde foi sometido a unha valoración médica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.