Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2023 | Actualizada ás 11:35
A borrasca 'Ciarán' que afecta o noroeste peninsular desde o mércores mantén interrompida a circulación ferroviaria en gran parte de Galicia, onde tamén se produciron cancelacións e desvíos de voos no tres aeroportos galegos.
Só o eixo atlántico e a conexión entre Santiago e Ourense que, á súa vez, enlaza co AVE a Madrid escapa das restricións ao tráfico ferroviario acordadas desde Renfe a raíz do temporal.
Así, permanece interrompida a circulación entre Ourense e Vigo, entre A Coruña e Ferrol e entre a cidade herculina e Monforte. En todas estas, o operador ferroviario habilitou un servizo de transporte alternativo por estrada. Ademais, a borrasca tamén obrigou a cortar os servizos de proximidade e Media Distancia de Ancho Métrico entre Ferrol e Oviedo.
VOOS
Nos aeroportos, a entrada de 'Ciarán' motivou o desvío de sete voos e a cancelación doutro en Santiago. A imposibilidade de tomar terra en Rosalía de Castro-Lavacolla destes avións motivou a suspensión dos catro voos á primeira hora deste xoves e atrasos no despegamento doutros tres.
En Vigo e A Coruña foron cancelados dous voos, ambos os procedentes de Madrid, que tiñan previsto aterrar na tarde do mércores nas terminais de Peinador e Alvedro. Fontes de Aena consultadas por Europa Press trasladaron que a situación meteorolóxica nos aeroportos galegos mellorou na mañá do xoves, na que unicamente se produciu un desvío desde A Coruña e Santiago.
MANIFESTACIÓN
Por outra banda, CCOO de Galicia suspendeu as concentracións convocadas para este xoves pola paz e en apoio ao pobo palestino, que ían ter lugar pola tarde na Coruña e Vigo.
Segundo informa, o sindicato toma a decisión polas malas condicións climatolóxicas, "que non só dificultarían a participación nas mobilizacións senón que poderían pór en risco os desprazamentos de persoas chegadas doutras localidades de todo o país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.