Unha nova moda no Camiño Fisterra-Muxía: coller gatiños da rúa durante o percorrido e deixalos no albergue de Fisterra

A alcaldesa do municipio, Aurea Domínguez, amósase desesperada: "Cada gato que recollemos suponnos uns 200 euros ao mes". "Só no mes de setembro invertimos 6.000 euros na atención a estes gatos", advirte, chamando a atención sobre que os peregrinos "non poden coller a un animal porque lles pareza que está abandonado".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/11/2023 | Actualizada ás 21:34

Comparte esta noticia

As prácticas dos turistas á súa chegada a Santiago son cada vez máis rocambolescas: dende picnics na praza do Obradoiro ata tendas de campaña montadas na Quintana para pasar a noite durmindo á intemperie, pasando por todo tipo de celebracións escandalosas que xeran un balbordo fronte a Catedral difícil de soportar. Sen embargo, aqueles que deciden ir máis aló de Santiago de Compostela, realizando o cada vez máis coñecido Camiño de Fisterra-Muxía, peregrinando cara o que os antigos consideraban a fin do mundo, semella que aínda teñen unhas prácticas máis raras. A última moda? Coller gatiños pequenos polo camiño e levalos ata o seu punto final de peregrinación, en Fisterra, para deixalos na protectora e no albergue municipal.

Gatiños na rúa
Gatiños na rúa | Fonte: Change ORG - Arquivo

A alcaldesa de Fisterra, Aurea Domínguez, presidenta tamén da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, asegura que "Fisterra está encantadísima de recibir aos peregrinos", a pesar de que "entre maio e setembro deste ano chegaron ao noso pobo máis de 20.000 peregrinos, e iso para nós é moitísima xente, non temos capacidade para acollelos, especialmente no que respecta a aparcamentos". Con todo, afirma que "tanto a hostalaría como a hotelería están encantados e non hai ningún problema de convivencia cos veciños polo xeral, agás na zona do Faro, onde aí si hai un problema no que habería que traballar". En concreto, explica que "os que chegan póñense a quitar a roupa e queimala e témonos atopado con todo tipo de prendas tiradas, mesmo roupa interior, tanto de homes coma de mulleres". "Eses costumes ou ritos ou como se lles queira chamar son unha porcallada", asevera.

Aínda así, na actualidade o maior problema cos peregrinos que chegan a Fisterra vén por outra banda, que semella totalmente surrealista: "Agora observamos que, como nós somos o final do Camiño, os peregrinos van collendo gatiños pequenos polo Camiño, sacándollos ás súas nais pensando que fan un ben e que os van salvar, e traénnolos ao concello e deixanos no albergue municipal", asegura Domínguez. A alcaldesa de Fisterra, que non da crédito, asegura que o problema, máis aló da "infelicidade que isto pode causar nas gatas que ao voltar vén que un gato da súa camada xa non está", estase a converter "nun problema económico". 

"Cada gato que recollemos suponnos uns 200 euros ao mes", cifra Domínguez, que asegura que o pasado mes de setembro a cifra total de gasto nestes gatos ascendeu a "6.000 euros". Facendo cálculos, iso suporía que foron deixados no albergue municipal uns 30 gatos. "Temos que denunciar isto, porque non poden coller a un animal que vive cos seus pais porque lles pareza que está abandonado", advirte. E precisa que, aínda que fan o mesmo con algúns cans, "a través da protectora é máis doado lograr que volvan á súa casa, porque os donos os atopan ou porque veñen acompañando a cans que teñen os peregrinos pero unha vez estes marchan os cans tamén marchan de volta de onde viñeron". Pola contra, "os gatiños témolos que ter nós despois no albergue ata que falezan, e iso redúndanos en moito gasto", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta