Dono dun albergue: "Ante as carrachas só hai dous tipos de establecementos: os que xa as tiveron ou os que as van ter"

Así o afirma o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, que, xunto ao presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, César Sánchez-Ballesteros, pide un protocolo "homoxeneizado" para todo o sector, pois ambos advirten de que este non é un problema que teña nada que ver coa hixiene, puidendo darse tanto nun albergue como nun hotel de cinco estrelas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A presenza de carrachas no Camiño de Santiago non é algo novo, de feito xa se leva arrastrando moitos anos, poderíase dicir que é algo tan antigo como o propio Camiño, pero como cada vez visitan Compostela máis peregrinos, parece que a proliferación destes insectos vai gañando terreo e ocupando cada vez máis titulares en medios de comunicación. As novas formas de viaxar, a globalización e mesmo o cambio climático favorecen o aumento dunha praga que non é nova, pois as equipaxes dos viaxeiros sempre fixeron que se multiplicasen as carrachas en albergues e hoteis, ata o punto de que, se isto segue así, podería chegar a converterse nun verdadeiro problema de saúde pública. Unha mesa redonda organizada polo V Foro do Camiño de Santiago 'Fairway' recolleu a visión de varios sectores implicados na materia, dende as propias administracións ata representantes do sector hoteleiro, e todos coincidiron nunha cousa: precísase xa de protocolos de prevención.

Carracha
Carracha | Fonte: EP - Arquivo

O primeiro é entender que son estes bichos e como se comportan, para saber onde e cando é mellor combatelos. O profesor emérito da Universidade de Santiago (USC) e socio da Asociación Española de Entomoloxía, José Carlos Otero, explica que "as carrachas miden uns poucos milímetros, teñen ás, unha cabeza grandota e un corpo deprimido". Pero o que máis chama a atención é o seu aparato bucal, "composto por catro estiletes, cun deles pica e inxecta no organismo unhas substancias anticoagulantes e antidolorosas, o que fai que a persoa non sinta dano; e con outro subciona, chupando unha importante cantidade de sangue, aínda que para eles un milímetro xa é moito, por iso non o consideramos unha alarma sanitaria". Ademais, dentro desta especie existe dimorfismo sexual, é dicir, hai machos e femias, que se reproducen por inseminación traumática, ou sexa, "o macho pincha á femia co seu aparato xenital en calquera parte do corpo e os seus espermatozoides chegan ata o aparato reprodutor da femia, onde se formaron ovos que darán lugar a novos individuos".

En concreto, Otero apunta que "os ovos orixínanse pasados 5 ou 6 días da fecundación, a incubación dáse entre 6 e 20 días e as chinches resultántes convírtense en adultas nun periodo de entre 7 e 18 semanas". Para pasar ao seguinte estadío, é dicir, para ir crecendo, "necesariamente deben consumir sangue" e "os estadíos máis xuvenís teñen unha capacidade importante para alimentarse, polo que tamén pican ás persoas e, unha vez collen o sangue, retíranse aos lugares onde se agochan para convertirlo, a partir dunhas bacterias simbióticas que teñen no aparato dixestivo, en alimento". Unha carracha femia está formando novos fillos cada dous ou tres meses, o que, como destaca o profesor da USC, "significa que unha parella de macho-femia que chegue a un lugar, un albergue por exemplo, pode montar a bomba de descendencia, porque a femia pon entre 5 e 12 ovos cada día, e entre 200 e 500 ovos durante toda a súa vida, que ascende a uns 18 meses, aínda que o tempo de supervivencia é variable dependendo da temperatura, un factor absolutamente determinante no desenvolvemento e pervivencia destes animais".

Así, cunha temperatura nomal de entre 18 e 20 graos e contando con alimento, Otero asegura que as carrachas poden vivir entre 9 e 18 meses. Se a temperatura é maior a 30 graos, sairán a alimentarse cada poucos días, pero se están en ausencia de alimento, rematarán por morrer. E na época actual, con temperaturas por debaixo dos 13 graos, os individuos escóndense en lugares escuros e ralentizan o seu metabolismo, quedándose así durante aproximadamente un ano, se despois dese tempo non saen, poden rematar morrendo, algo que non sucederá en Galicia xa que chegada a primavera, dentro duns seis meses, as temperaturas volverán a subir. Ao ser hematófagos aliméntanse de sangue humana ou da de aves e pequenos mamíferos. E precisan de alimento cada 5 ou 10 días, dependendo de se se trata de individuos mozos ou adultos. A inxesta no caso dos mozos dura uns 3 minutos, mentres que no dos adultos pode durar entre 5 e 10 minutos. E cun milímetro de sangue teñen máis que suficiente.

ESTASE ACABANDO A PERVIVENCIA DO INSECTICIDA DDT, PROHIBIDO HAI 23 ANOS

Varios peregrinos chegan a O Cebreiro con neve
Varios peregrinos chegan a O Cebreiro con neve | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Sobre a distribución das carrachas polo territorio, o profesor emérito da USC detalla que "atópanse distribuídas por todo o hemisferio norte, principalmente, aínda que no sur hai dúas especies máis que causan o mesmo efecto". A teoría indica que "esta especie debeu aparecer hai milenios, orixinándose en Oriente Medio, tempo no que vivían sobre morcegos, e como nós os humanos viviamos en covas, aí puido estar a orixe do seu paso á especie humana", agora xa distribuídas de gran maneira por todo o hemisferio norte. De feito, apunta que "nos anos 40 o 30 % dos fogares tiñan carrachas". Logo, "entre os anos 1950 e 2000 houbo unha tregua grazas á utilización do insecticida DDT, que rematou por ser prohibido polos extraordinariamente negativos problemas ambientais que causaba". Ata tal punto debía ser contaminante que os seus efectos perviven durante 25 anos no ambiente, é dicir, chegaron ata o día de hoxe, motivo polo que "é agora, cando remata a súa pervivencia, cando volve a proliferación de carrachas". De feito, nos nove primeiros meses de 2023 os casos de carrachas en España aumentaron un 71 %, con maior incidencia en Cataluña, Valencia, Baleares e o Camiño, pola afluencia de viaxeiros.

A pregunta segue sendo: Como chegan ata nós? Otero apunta a unha serie de estudos que se están facendo baseados na análise do ADN destes bichos que manexan dúas teorías: "ou ben proceden de lugares onde nunca se usaron insecticidas ou se usaron insecticidas cunha potencia moi baixa; ou ben estes animais son quen de sobrevivir aos tratamentos con insecticidas que usamos ata o de agora". O que si está claro é que hai factores que favorecen a súa expansión que son moi claros: "Estamos nun momento de gran movemento de persoas, con moitos viaxes internacionais, no que a lexislación obriga a usar insecticidas menos agresivos e con menor pervivencia... E, especialmente, nun momento no que as temperaturas están cambiando". Neste punto, Otero indica que o insecto é destruído se a temperatura supera os 55 graos, mentres que en baixas temperaturas ralentiza o seu metabolismo e agóchase para saír cando as temperaturas son normais de novo a alimentarse. "Estamos nun momento de cambio global, e as temperaturas modificáronse de forma substancial, para as chinches isto non é algo excepcional". 

Para o experto, o principal problema radica en que "nós, dende o noso mundo occidental, pensabamos que nunca nos pasarían estas cousas, pero pásannos, porque as temperaturas están cambiando e cada vez viaxamos máis, sendo portadores de forma involuntaria de todos estes organismos". Agora, este outono, o previsible é que as baixas temperaturas leven a unha redución dos casos detectados, pero advirte de que "se non tomamos medidas, se non facemos algo xa, volverán aparecer cando suban as temperaturas". Por iso, fai un chamamento á "planificación tanto en hoteis como en albergues, porque isto non ten nada que ver coa hixiene e as carrachas poden aparecer tanto nun albergue como nun hotel de cinco estrelas". Así, sen poder contar con insecticidas, por que non usar outros insectos contra elas? "Hai unha gran cantidade de animais que poden acabar con elas, como as arañas, os ácaros ou os fungos; a miña filla tenlle pánico ás arañas, pero cando ten arañas na habitación non ten mosquitos, debe elixir; e na rexión oriental na actualidade os agricultores usan as arañas como insecticida, cóllenas e gárdanas nunha caixa ata que chega o tempo da colleita e as soltan", apunta o experto.

O 11 % DAS VIVENDAS FRANCESAS TIVERON CARRACHAS ALGUNHA VEZ

Así as cousas, ante esta problemática, que xa non se pode negar que existe, o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, César Sánchez-Ballesteros, lanza outro dato interesante: "Un estudo dicía que o 11 % de todas as vivendas en Francia tiveron carrachas algunha vez". Neste senso, Sánchez-Ballesteros congratúlase de que "en Galicia témolo máis fácil que noutros lugares como pode ser París para controlar esta praga que tan de moda está agora mesmo". "Temos a vantaxe de que o noso tipo de turismo está moi enfocado no Camiño de Santiago (por Pontevedra pasa o Camiño Portugués) e contido por temas climatolóxicos, polo que os visitantes sempre van polo mesmo camiño e nun mesmo sentido, cara un mesmo destino, e esas son as zonas delimitadas perfectamente sobre as que hai que actuar".

Novamente, advirte de que as carrachas non son un problema relacionado coa hixiene dos establecementos, así que, "aínda que se tende a pensar na súa presenza en albergues, están presentes en todo tipo de aloxamentos, a pesar de que en albergues poida haber máis problema polo feito de que as habitacións son máis amplas e albergan a máis persoas que establecen contactos máis cercanos". Hoxe por hoxe, lamenta que "todos os establecementos teñen medo a que neles poidan sacar unhas fotos e subilas á rede poñéndoos a parir porque se atoparon con carrachas no local". "Este é xa un dos principais medos dos hoteleiros do sector", afirma Sánchez-Ballesteros, que cre que "nun hotel grande pode ser máis sinxelo bloquear habitacións e erradicar as carrachas que nun albergue, onde os espazos son máis amplos e conviven varias liteiras nunha mesma estancia".

Como propietario do Hotel Bahía de Vigo, explica que "cando hai un caso nós o que facemos é bloquear a habitación, sellándoa con cinta, e bloquear tamén a da súa dereita, a da súa esquerda e a de enfronte, é dicir, pechamos catro habitacións pola detección de chinches nunha". Seguidamente, o protocolo interno de limpeza obriga a "baleirar todo o textil en bolsas de plástico que se levan á lavandería para lavalas a máis de 60 graos", é dicir, "desmóntase cortinas, sábanas, colchóns... Ponse a habitación patas arriba para evitar que as carrachas teñan recunchos nos que aloxarse". Finalmente, "chámase aos profesionais de desinfección, aos que ao retirar todo o textil e deixarlles a habitación limpa, xa se lles facilitou o traballo previamente". 

"FALTA MOITA COMUNICACIÓN ENTRE OS PROFESIONAIS DO SECTOR, POR MEDO"

Con todo, o presidente da Federación de Empresarios de Hostalería de Pontevedra cre que "falta moita comunicación entre os profesionais do sector", porque "cando un cliente che informa de que ten unha picadura, debes preguntarlle onde durmiu a noite anterior, se vén facendo o Camiño, en que establecementos pernoctou... Así, pódese detectar a presenza de carrachas en varios establecementos á vez de maneira moi temperá, porque o que sabemos é que cando se detectan carrachas nunha habitación só hai dúas posibilidades: ou viñan con ese cliente ou viñan co cliente anterior, o que nos permite realizar un seguemento". Lamentablemente, como di Sánchez-Ballesteros, "hoxe ter carrachas é como ser portador dunha enfermidade de transmisión sexual, semella que é algo a ocultar en vez de avisar a todas as túas relacións anteriores". O máis importante, con todo, "é facer entender ao cliente que non é un problema do establecemento, que o local non é o culpable".

Así, Sánchez-Ballesteros aboga por "rachar cos estigmas sobre esta cuestión", para "previr antes de que sucedan as situacións de contaxio nos establecementos que forman parte do Camiño", sobre todo nun momento no que as novas tecnoloxías fan dos avisos algo tan sinxelo como "enviar un WhatsApp: 'tivemos un problema de carrachas e sabemos que viñan doutro hotel, estade atentos porque están chegando estes bichos', exemplifica, para, deste xeito, tamén poñer en preaviso ao persoal de limpeza e que este sexa máis dilixente á hora de efectuar a desinfección". "Isto é moito máis práctico que calar a boca cando se detecta o problema como se fose un pecado", sentenza, advertindo de que "tamén axudaría a evitar que un local, porque xa chega tarde para tomar as medidas iniciais, teña que pechar a porta durante tres ou catro días en periodo de máxima actividade ata que os técnicos de control de pragas desinfectan as instalacións, co dano reputacional que iso conleva". En resumo, redundaría en beneficio de todos, tanto de clientes como do propio sector.

Por todo isto, o presidente da Federación de Empresarios de Hostalería de Pontevedra demanda xa a instauración dun protolo, convencido de que "se non está por escrito non é un protocolo". E ese protocolo "debe recoller procedementos en cadea, dende que o propio recepcionista é informado polo cliente dunha picadura, ata que este chama á gobernanza do establecemento, de aí pásase a limpeza e soluciónase". Así, invita a "aprender a xestionar reclamacións, porque estas van chegar, porque chegan por un pelo que atopan na bañeira os clientes, como non van chegar se atopan unha carracha ou aparecen cun montón de picaduras?", porque "o dano reputacional é algo que hai que solventar" e, para iso, "hai que facer as cousas ben". "Se non avisas aos demais establecementos pode ser que un che estea provendo a ti de carrachas durante toda a tempada", advirte.

"SEMPRE FOI UN TEMA TABÚ, NON TEN BOA PRENSA E NINGUÉN QUERE FALAR"

Pola súa banda, como presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez insiste en que "xa é hora de visibilizar isto como un problema e coller ao toro polos cornos, porque é algo que se vén arrastrando dende hai moitos anos, non comezou onte". Dono tamén do albergue de Fonfría, o que conta con maior afluencia de visitantes do Camiño de Santiago, asegura que "todos os albergues que hai no Camiño saben perfectamente o que é unha carracha e levan tempo implementando todo tipo de prevencións". "Os primeiros anos do meu albergue víamos como os casos se daban lonxe, en Navarra, logo íanse achegando por Castela e, agora, cada ano xa temos máis casos en Santiago", lembra, porque "como os viaxeiros se estenderon, as carrachas estendéronse con eles". E amósase de acordo con Ballesteros en que "sempre foi un tema tabú, porque non ten boa prensa e ninguén quere falar para que non se asocie o seu establecemento coas carrachas". 

Con todo, Rodríguez amósase convencido de que só hai dous tipos de establecementos fronte ás carrachas: "Os que xa as tiveron ou os que as van ter, porque se ti recibes a viaxeiros, é o que che queda". Pero precisa que este non é un problema só do Camiño de Santiago, "eu atopeime con casos en Washington, en Italia, en Francia e en moitos outros puntos en momentos moi diferentes". Por iso, consciente de que "os albergues do Camiño temos moita máis afluencia de viaxeiros que outros establecementos en canto a cantidade, temos máis probabilidades de ter algún caso", pero "tamén contamos cunha vantaxe á hora de enfrontarnos a este problema". Cal? Non hai moitos mobles e, polo tanto, hai menos lugares nos que as carrachas se poidan agochar.

"Se tes un establecemento con moito mobiliario, con teas moi bonitas, mobles de madeira e unha decoración abundante, como se ven moitos, entón tes creado un paraíso para estes bichos, que buscan lugares para agocharse que sexan escuros, de onde saír pola noite para comer e voltar a agocharse", explica Rodríguez, que valora que "un albergue o podes simplificar, porque a xente nel só busca unha cama, comida, un baño e pouco máis, así que cunha serie de medidas é moi sinxelo previr a aparición de carrachas". Entre estas medidas, apunta ás que xa tomou no seu establecemento: liteiras metálicas, sen gretas, colchóns sen láminas, fundas hixiénicas onde non poida entrar o bicho aínda que veña pegado á mochila, entre outras. "Se tes moitos mobles e tes que desmontar todo, como pode suceder no caso dunha casa particular ou dunha vivenda turística, a solución é moito máis complicada", valora, xa que "os insecticidas son efectivos cando o produto chega ao bicho, pero con tantos currunchos nos que agocharse, non lle chega".

NON É BOA IDEA PRIORIZAR A DECORACIÓN, A SINXELEZA É MÁIS EFECTIVA

Neste senso, apunta que "a maioría dos albergues que tiveron problemas de carrachas eran os de recente creación, onde se priorizou unha estética bonita fronte a unha estética funcional de prevención", ben por primar a decoración ou ben por descoñecemento da problemática por parte dos seus propietarios. "Os albergues que levan máis tempo sufriron menos problemas", afirma, incidindo na "diferenza abismal". E é que "ata o albergue máis limpo e impoluto, se non foi informado previamente de como previr esta praga, pode ter un problema moi gordo de carrachas en calquera momento, porque este é un insecto moi ben adaptado a vivir nas nosas casas e ao noso funcionamento". Así, como opinión persoal, Rodríguez considera que "as carrachas son imposibles de erradicar, pódense previr e controlar, pero teremos que aprender a convivir con que, se non tomamos medidas, vamos a ter un grave problema".

Deste xeito, además da instauración de protocolos homoxeneizados para todo o sector, aposta por "informar tamén ao propio peregrino, algo que case ninguén quere facer". "O peregrino que nos visita ten que saber que se vén a Santiago pode que se atope con carrachas nalgún dos aloxamentos aos que vaia, e debería ter claras cousas como que as picadas dunha carracha non teñen por que aparecer no propio día da picadura, puidendo darse en días posteriores, así que cando saen, o peregrino xa está nun lugar diferente ao establecemento onde foi picado, sendo imposible saber concretamente o lugar onde foi picado", exemplifica o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, que chama sempre a "avisar aos establecementos que temos detrás de que chegou un peregrino con picaduras". 

Maletas e mochilas ás portas dun albergue
Maletas e mochilas ás portas dun albergue | Fonte: CAMIÑO FRANCÉS FEDERACIÓN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta